A distribución, protagonista no Salón Delicatessen de Vigo

D:GALGASFOTOSGALICIA GASTRONOMICANOVAS 08SALON DELICATESSENINTERIOR_DELICATESSEN_1.jpg
photo_camera D:GALGASFOTOSGALICIA GASTRONOMICANOVAS 08SALON DELICATESSENINTERIOR_DELICATESSEN_1.jpg

O Salón das Denominacións de Orixe e Delicatessen de Vigo prestará este ano especial atención ás canles de distribución, para o que organizará un encontro no que está previsto que participen destacados expertos e representantes dos principais operadores do sector.
 
Con esta iniciativa a organización do salón pretende dar facilidades ás pequenas empresas para que poidan recibir ampla información sobre a fórmula máis adecuada en cada caso para realizar as súas compras.
 
Nos últimos anos constatouse unha concentración nas canles de distribución, xurdindo operadores tanto nacionais como internacionais de maior tamaño, o que trae consigo un aumento da competitividade. Este feito ten grandes repercusións no sector da gastronomía, que pode beneficiarse se realiza unha mellor xestión dos seus contactos.
 
A organización do Salón DO programará este encontro a petición dos expositores e dos profesionais que acoden ao certame, brindándolles dese modo a posibilidade de atopar canles de distribución máis adecuados para cada caso.
 
A quinta edición do Salón DO, que conta co patrocinio de Caixanova, terá lugar no Instituto Feiral de Vigo entre os días 21 e 23 de outubro.
 
Sector en expansión
De novo nesta ocasión márcase como principal obxectivo servir de referente de calidade para un sector en crecente expansión como é o dos produtos gastronómicos de calidade. Nas anteriores edicións este fin cumpriuse dabondo, como o demostra o feito de que unha boa parte das actividades e iniciativas presentadas alcanzasen recoñecemento non só nacional senón tamén internacional.

En 2007 participaron nesta cita un centenar de expositores e rexistráronse máis de 20.000 visitantes nos tres días de celebración.

Comentarios