De labregos de costa a recolectores de algas

algamar1.jpg
photo_camera algamar1.jpg

Os antecedentes e traxectoria desta empresa pontevedresa inclúen todos os momentos vitais dos dous propietarios pois, na súa evolución persoal, segundo explicou Clemente a GG, pasaron de cultivar as terras familiares tradicionalmente abonadas con algas e mexilóns, a aplicar coidados totalmente ecolóxicos a terra e produtos, fai 30 anos "cando aínda ninguén falaba en Galicia de agricultura ecolóxica", matizou.

As algas, alimento mariño para a terra e para as persoas

Entre os amigos de ambos os irmáns había consumidores e coñecedores das propiedades nutritivas das algas polo que Clemente comezou a indagar neste ámbito para identificar as que son galegas e as súas propiedades.

Na súa familia pasaron de ver as algas como "un esterco do mar" que sería impensable incluír na alimentación humana, a consideralas como "verdura silvestre e mariña", aínda que no mundo científico non forman parte da Botánica, senón dun ámbito propio chamado "Ficología".

"Descubrimos que as 5 ó 6 variedades de algas máis abundantes de Galicia xa eran valoradas internacionalmente e dábaselles uso alimentario pero se ías compralas, só te atopabas con produto procedente de Xapón, así que nos animamos a dar o paso e entrar neste mercado", agregou.

En 1996 ocuparon os terreos familiares en Redondela cos procesos de deshidratación e preparación de algas, e foron os primeiros en España que se dedicaron en exclusiva a colleitar e envasar as "verduras do mar" deshidratadas.

Investigación e pedagoxía sen fin

A principal dificultade que tiveron que superar foi a do secado das algas pois, segundo Clemente, só coñecían o proceso realizado en invernadoiros onde unha climatoloxía chuviosa impedía o secado das algas e producía a súa rehidratación polas noites.

Inventaron unha caldeira con ventiladores para a súa primeira factoría e hoxe, instalados nunha nave de Pazos de Borbén, contan xa con 4 secadeiros que entre marzo e xullo reciben 1,5 toneladas diarias de algas frescas colleitadas por un equipo de cinco persoas que percorren a costa galega, desde Ribadeo ata A Guarda, e polas confrarías de Corcubión e Cangas.

A seguinte dificultade foi dar a coñecer as características nutricionais e culinarias das algas entre restauradores e consumidores para xeneralizar o seu uso alimentario, e niso están, organizando aulas de cociña con algas e participando en investigacións.

A aula de cociña do polígono industrial de Pazos de Borbén recibiu nos últimos anos a restauradores de toda España e delegacións de toda Europa, México, Xapón, Estados Unidos e colectivos interesados neste tipo de alimentos, o que contribúe a difundir os usos das algas e introducilas así na alimentación humana.

A variante pedagóxica da recolección de algas inclúe proxectos como o impulsado polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIS) sobre "Algas e novos alimentos funcionais" na que participan 10 empresas europeas, entre elas "Algamar".

Toda a súa actividade valeulle aos irmáns Fernández Sá recoñecementos como o do premio da Fundación Biodiversidade  destinado a "Emprendedeores", na súa primeira convocatoria de 2009.

Colleita de 2010

As algas colleitadas para "Algamar" son "espagueti de mar", o "musgo de Irlanda", "dulse", "Wakame", "nori" e "kombu", todas elas tipicamente atlánticas pero só comercializadas desde Galicia e desde algunha pequena empresa do norte de Europa, ademais da produción e comercialización liderada por Xapón.

A recolección require inmersións constantes no mar pois só "nori" e "espagueti de mar" se atopan nas beiras.

A última colleita, recollida entre febreiro e xuño, foi abundante pero con moitas algas deterioradas polos abundantes temporais de inverno e primavera, sobre todo a "wakame" que, segundo Clemente, é a primeira en estar a punto e a de consistencia máis débil.

Tamén detectaron unha presenza importante da alga chamada "sargazo", propia do Pacífico, inútil no ámbito alimentario, pero con gran capacidade reprodutiva e instalada nas rías de Arousa, Vigo e Pontevedra, onde está a desprazar a poboación natural de "espagueti de mar", segundo Sá.

O resultado de 2010 foi de 200 toneladas de algas colleitadas que darán 20 toneladas de algas secas e listas para comercializar deshidratadas, mentres un 20 por cento da colleita total destínase aos produtos elaborados na nave dos irmáns Sá.

Algas e derivados

Ademais das algas deshidratadas, os irmáns Sá seguen achegando a este mercado novos produtos elaborados como o "pisto", o "tahín" ou crema de sésamo, sopas en juliana deshidratadas, pastas, arroces, paté, condimento para ensaladas e guisos, todos eles con certificación de produtos ecolóxicos.

No futuro introducirán no mercado unha liña de "cereais" con algas e case todo prepárano na súa nave de Amoedo (Pazos de Borbén) excepto a pasta que é elaborada en Cataluña e as tortas de arroz.

Inventario e receitas posibles

Clemente e Fermín probaron as algas en tortilla, empanadas, guisos e arroces, e a maior parte das variedades que estudaron pódense consumir tamén crúas excepto a "kombu" que resulta moi dura e indigesta.

O maior dos irmáns, Clemente, recomendou a GG a empanada da alga "espagueti de mar" elaborada con cebola, tal como fan aínda na súa casa.

Pola súa banda, Fermín dixo preferir, sobre todo no verán, algún prato con alga crúa como a ensalada de "dulse".

O coñecemento que ambos adquiriron sobre as algas animoulles a escribir e publicar dous libros de difusión, tanto das características das algas como das súas posibles combinacións culinarias.

Os seus títulos son "Algas de Galicia, alimento e Saúde. As verduras do Océano Atlántico", escrito en 2002 por Clemente, que vai pola súa terceira edición e mostra fotografías e información científica sobre as características nutritivas e medicinais das algas, e "Receitas con algas" de 2004, escrito por María Niubó Caselles, que detalla 107 receitas vegetarianas.

As algas nutren

As algas son o alimento humano con máis alto contido en sales minerais e oligoelementos e o equivalente a unha cucharada diaria achega a maior parte dos necesarios na nosa alimentación.

En relación aos sales minerais son ricos en iodo, ferro (100 gramos de algas dannos dúas veces máis ferro que cen gramos de lentellas) cobalto, magnesio, calcio, fósforo e potasio. Con 1 gramo diario de alga "Kombu" obtemos o suficiente iodo para garantir o equilibrio das glándulas endocrinas.

Oligoelementos como o cinc necesario para a correcta secreción e asimilación da insulina, o ferro e o cobalto, encargados de evitar a anemia, ou o silicio e o calcio, imprescindibles para fortificar os ósos, uñas, pel e cabelo atópanse presentes nas algas.

Máis algas galegas, tamén en fresco e en conserva

A produción de algas silvestres na costa galega ten un aproveitamento ínfimo, e a súa explotación por parte de tres empresas galegas e algunhas confrarías de pescadores só afecta a unha parte do seu potencial, segundo Clemente.

Os irmáns Sá xa están acompañados e complementados no seu labor pedagóxico e comercial por outras dúas empresas que ademais de elaborar outras conservas, derivaron parte da súa actividade á comercialización das "verduras do mar", como fai desde 2002 "Porto-Muiños" de Cambre, con algas frescas, deshidratadas e en conserva, e "Conservas Lou" en Ribeira, que desde 1995 é a única de España que comercializa dúas variedades de algas galegas cocidas e envasadas, entre outros produtos.

Comentarios