A Feira do Capón de Vilalba porá á venda o domingo 1.200 exemplares

A tradicional Feira do Capón de Vilalba regresa este domingo, día 18, á Praza da Constitución da capital chairega para pór á venda baixo unha gran carpa ao redor de 1.200 exemplares desta ave típica da época do Nadal. Uns 60 criadores e criadoras concorrerán a esta cita, na que se espera que os prezos se manteñan, como nos últimos anos, entre os 80 e os 100 euros por unidade.

Os produtores de capón criaron este ano uns 1.800, pero moitos deles xa non chegarán á feira porque se venden antes nas granxas vilalbesas. ''Á feira veñen menos porque moita xente ten apalabrados os capóns dun ano para ou outro, ou cal tamén é positivo, porque vese un interese por parte da xente'', explicou Gonzalo Hermida, xerente da asociación de criadores.

O alcalde vilalbés, Gerardo Criado, manifestou que esta feira é ''transcendental'' para Vilalba e destacou o traballo feito ao longo dos últimos anos para que o capón ''se adapte ós cambios sociais'', se mellore coa homogeneización da calidade e amplíe mercados coa desestacionalización do produto.

Criado tamén afirmou que, como vén sendo tradicional, o Concello regalará un par de capóns «ós dous fillos predilectos» da localidade, Manuel Fraga e Antonio María Rouco Varela, ademais da o último pregoeiro das festas de San Ramón, Xosé Luis Regueira. A todos eles únese este ano Mariano Rajoy, como presidente do Goberno electo. ''Sabemos que polo Nadal se consome nun restaurante de Pontevedra'', explicou Gerardo Criado.

Programa
A entrada de capóns no recinto feiral realizarase entre as 8.00 e as 9.00 horas. A apertura da feira ao público será ás 10.00 horas e sobre as 12.30 procederase á entrega de premios ao mellor criador, mellor cesta e mellor par.

Haberá animación musical a cargo do grupo de gaitas local Entre Lusco e Fusco e da Charanga de Vilalba. O orzamento da Feira do Capón para este ano rolda os 20.000 euros.

GASTRONOMÍA
Degustación da variedade de Mos, gratis nos bares

Unha trintena de locais de hostalería da capital chairega participarán un ano máis na degustación gratuíta de tapas elaboradas con capón, que nesta ocasión probarase coa variedade do capón de Mos. ''É un dos proxectos que se está facendo no centro tecnolóxico da carne; é unha variedade que non alcanza o mesmo peso que a de Vilalba'', explicou Gonzalo Hermida.

Envases
Unha das novidades deste ano é a renovación das caixas nas que se gardan os capóns, que contribuíu a reducir o peso co fin de abaratar custos no transporte. Así, cada caixa de madeira natural pasou de pesar seis quilos a apenas tres. Os interesados en compralas poden facelo desde mañá ata o sábado de 10.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 no aparcadoiro municipal da Praza da Constitución ou o domingo na feira. Tamén poden informarse chamando ao 659.49.49.69. O prezo de cada caixa é de doce euros.

Próxima edición
Os criadores xa mantiveron unha reunión para falar da data da feira do 2012, que quedará máis preto de Noiteboa, ao ser ano bisiesto. Así, barállanse os días 22 ou 23 de decembro para celebrala.

Comentarios