A Feira do Viño de Amandi dedicarase ao Concello da Teixeira

O calendario de feiras do viño está perfilado. Unha das máis emblemáticas, a Feira do Viño de Amandi, será os días 28 e 29 de marzo, xornadas que estarán dedicadas ao concello ourensán da Teixeira. Desta forma cúmprese coa tradición de enxalzar en cada feiral un dos concellos da denominación de orixe. A maiores, este ano enxalzarase o labor dun colleiteiro falecido no 2014.

A organización da Feira do Viño de Amandi, que se reuniu onte pola tarde no edificio sociocultural de Sober con varios produtores, acordou honrar a Antonio Vázquez, de Industrias Vázquez de Monforte, por fundar a adega Malcavada. Os seus familiares serán quen presidirán o acto de apertura da convocatoria ante a presenza de numerosas autoridades e dos produtores.

O feiral do viño de Amandi, que chega á súa trixésima quinta edición, volverá contar coa presenza de polo menos uns 25 colleiteiros, como vén sendo habitual.

Entre outros asuntos tratados na asemblea, os organizadores, xunto co alcalde, Luís Fernández Guitián, perfilaron o programa de actividades a desenvolver dentro do chamado Mes do Amandi, que se celebra como promoción do certame vinícola. Como en edicións anteriores, haberá catas comentadas, degustacións e charlas coas que se intentará que profesionais e público coñezan máis de cerca os viños da zona e a súa elaboración.

Para anunciar a XXXV Feira do Viño de Amandi, o comité organizador, presidido polo alcalde, indicou que está aberto o prazo para participar no concurso de elaboración do cartel. As persoas interesadas poderán presentar os seus traballos ata o día 10 de febreiro..

ADHESIVOS

Como novidade, a maiores do cartel, os organizadores convocarán un certame entre os escolares soberinos para que deseñen un adhesivo. Desta forma perséguese que o evento estea presente entre os nenos e que, á súa vez, o adhesivo sirva como reclamo durante varios meses e sexa outro emblema do feiral.

O Concello promocionará o feiral outra vez no recinto Expourense con motivo de Xantar, encontro gastronómico a celebrar entre o 4 e o 8 de marzo.

Comentarios