A firma vilalbesa Prestes sacará ao mercado o primeiro queixo azul

Maikel Fernández, con el nuevo producto (Foto: MANCEBO)
photo_camera Maikel Fernández, con el nuevo producto (Foto: MANCEBO)

A empresa vilalbesa Prestes, con máis de 20 anos de experiencia na produción de queixos con denominación de orixe, ampliará antes de que acabe o mes de xullo a súa oferta ao sacar ao mercado nacional e internacional o primeiro queixo azul producido en Galicia.

O desenvolvemento deste novo produto comezou no principio do ano «coas distintas probas de textura», segundo apunta o xerente da empresa, Maikel Fernández Cuba, o que supón medio ano de intenso traballo apostando pola innovación da quesería artesanal.

No proceso de desenvolvemento deste produto pioneiro en Galicia tamén se implicou de cheo o servizo de Industrias Agrarias da delegación territorial de Medio Rural en Lugo, ademais de varios laboratorios especializados no sector lácteo.

O resultado é, segundo o seu creador, «un queixo distinto aos convencionais, de pasta branda, fácil para comer e aínda que forte, non tan potente como os queixos azuis aos que estamos afeitos».

Desligándose da produción centrada na denominación de orixe do Queixo San Simón, do de tetilla ou requesón, a firma chairega comercializará este novo produto a través da marca Lara&Sara -nomes das fillas dos propietarios da firma vilalbesa-, nun formato artesanal envolvido nun tipo de papel de aluminio, con forma redondeada ou aplanada.

Nos puntos de venda, os consumidores poderán adquirir o produto «a non máis de oito euros o quilo». Os formatos serán de 500 gramos, cuñas de 300 ou en moldes de tipo ‘patamulo' para lonchear nas charcuterías e que os consumidores poidan adquirilo «ao corte, xa que non é tan forte como o cabrales e poderán consumilo, mesmo, en pequenas porcións», asegura Maikel Fernández.

A rede de distribuidores que leva anos traballando coa queixería chairega será a encargada de situar o produto no mercado. «Tal e como facemos cos demais queixos, intentaremos comercializalo cos nosos clientes habituais que están dentro e fóra de Galicia e tamén do territorio nacional», comenta Fernández Cuba.

EXPORTACIÓN

Está previsto, ademais, que en pouco tempo se inicie a súa «exportación ao estranxeiro», tal e como ocorre co resto de produtos que desenvolve de xeito artesanal a quesería vilalbesa.

De feito, nos últimos meses enviáronse varias probas e mostras do novo queixo azul a diferentes puntos de venda en Europa e xa contan cun importante pedido para o Reino Unido, que levará a cabo antes de que finalice o mes de xullo, previsiblemente despois do día 15.

Comentarios