A gastronomía no Camiño, no libro de homenaxe a Andrés Tarrío

Mesa del acto de presentación del libro de homenaje a Andrés Tarrío
photo_camera Mesa del acto de presentación del libro de homenaje a Andrés Tarrío

A gastronomía e a súa relación co Camiño de Santiago ten un protagonismo especial no libro de homenaxe ao xornalista Andrés Tarrío Barreiro, editado pola Asociación de Xornalistas e Estudiosos do Camiño de Santiago (Apecsa), baixo o título de 'En peregrinación ás estrelas. Polo Camiño de Santiago a carón de Andrés Tarrío Barreiro'.

Coa publicación desta obra colectiva, Apecsa quixo render unha homenaxe a este compañeiro, que foi membro da asociación, cando se cumpre pouco máis dun ano do seu falecemento, logo dunha longa enfermidade.

Na obra, presentada na Fundación ‘Torrente Ballester' de Santiago, nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, participaron un total de 22 persoas (20 achegaron os seus escritos e 2 as súas fotografías). Trátase dos propios membros de Apecsa –co seu presidente, Cristóbal Ramírez, á cabeza–, outros xornalistas, académicos, estudiosos, políticos e historiadores, entre os que se atopan dous catedráticos da USC, o director Xeral de Turismo da Xunta, Rubén C. Lois González ou o xerente da S. A. de Xestión do Xacobeo, Ignacio R. Eguíbar. As fotos son obra dos fotoperiodistas José Salgado e Adolfo Enríquez.

A cociña do Camiño
Precisamente o presidente de Apecsa, Cristóbal Ramírez, centra a súa achega literaria a este libro na cociña tradicional da Ruta Xacobea. Baixo o título de “A gastronomía dos Camiños”, este xornalista reflexiona sobre as escasas referencias bibliográficas acerca da cuestión, ata “os diarios de peregrinos actuais, tempos nos que a gastronomía xa ten un valor diferente”. Nesta liña, cita un traballo de Paradores de Turismo nos anos 90, que “chegou a elaborar un receitario baseado nunha investigación feita por un dos directivos da entidade”.

Ante esta escaseza de estudos en profundidade sobre a culinaria tradicional vinculada aos diferentes camiños que conducen a Santiago, Ramírez advirte que “o desafío é dobre: identificar as receitas do pasado e recuperar unha gastronomía propia do Camiño, con inevitables e desexables toques de hoxe en día”. Neste último sentido chama a atención sobre dúas experiencias en particular, ambas “desenvolvidas en senllos establecementos de turismo rural de alto nivel”: Casa Sueiro, en Cuntis, moi preto do Camiño Portugués, e Parada das Bestas, na localidade lucense de Palas de Rei, ao pé da Ruta Francesa.

Receitas de peregrinos
E precisamente a propietaria e cociñeira de Parada das Bestas, María Varela, é outra das participantes no libro de homenaxe a Andrés Tarrío.

María explica a súa experiencia á hora de recuperar “as receitas dos peregrinos”, e aínda que advirte que “este é un labor ben difícil”, achega ata cinco suxestións diferentes: ‘Capón de Pidre estilo peregrino', ‘Lacón con grelos e castañas', ‘Sopa de Voda', ‘Bacallau con grelos, ameixas e allada' e ‘Torta de manteiga'. Todas elas poden degustarse en Parada das Bestas.

Idea de Luís Celeiro
Na presentación deste libro dedicado á memoria de Andrés Tarrío, o presidente de Apecsa, Cristóbal Ramírez, destacou que “a idea orixinal de publicar esta obra foi de Luís Celeiro” (vicepresidente de Apecsa e director do Gabinete de Comunicación da USC), quen abre a publicación cun artigo titulado “Do Cebreiro a Santiago, cinco etapas”.

Ramírez recordou ademais algunha das súas vivencias persoais en compañía de Andrés Tarrío, a quen deu as grazas, de xeito especial, pola “súa memorable intervención nun congreso sobre o Camiño de Santiago na Pobra do Caramiñal, cargada de brillantez e extraordinaria retranca”. Engadiu que este libro “non cheira a tinta, senón a agarimo e a algunha bágoa que se escapou” pola perda do xornalista homenaxeado.

Pola súa banda, o xerente do Xacobeo, Ignacio R. Eguíbar, chamou a atención sobre o labor desenvolvido por Andrés Tarrío ,quen, segundo dixo, “levou a Apecsa no corazón e traballou e loitou por esta asociación e, en xeral, polo sentido das peregrinacións”.

O reitor da USC, Senén Barro, pechou o acto cualificando a este xornalista estradense, que desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional no grupo Correo Gallego e que faleceu con tan só 37 anos de idade, como “un magnífico profesional e excepcional persoa que, como o Cid, segue gañando batallas logo de morto, aínda que neste caso non coa espada, senón co corazón e o sorriso”.

Comentarios