A 'guerra' do polbo

Cartel de las fiestas de San Froilán de 2008 (Galiciae)
photo_camera Cartel de las fiestas de San Froilán de 2008 (Galiciae)

O Concello de Lugo adxudicou para os próximos tres anos as cinco casetas e outros tantos caldeiros do polbo que se instalarán nas patronais de San Froilán, logo dunha poxa cargada de tensión, na que algúns hostaleiros chegaron a abandonar, momentaneamente, o salón de plenos, por discrepancias coa comisión de festas, en concreto coa orde da poxa recollida nas bases.

O primeiro conflito tivo lugar cando Alberto López, propietario do ‘Mesón de Alberto', foi requirido para que se identificase antes de que dese comezo a poxa. Unha funcionaria preguntoulle se el era o titular das tres empresas que concorrían á poxa, ao que respondeu, bastante alterado, se era preciso que presentase o seu carné de identidade.

Posteriormente, os hostaleiros protestaron pola orde fixada polo Concello para realizar a poxa. Outro dos presentes, Ramiro López, propietario do restaurante ‘A Palloza', tamén amagou con abandonar a reunión e acusou aos membros da comisión de festas de falta “de respecto”, á vez que manifestaba en voz alta, visiblemente enfadado, que “Lugo non é dos socialistas, nin do Bloque, nin do PP, porque é dous cidadadáns que nos levantamos cada día e traballamos 24 horas para pagar as facturas”.

Logo de quince minutos e dun intercambio de impresións entre políticos e empresarios, os ánimos acougáronse e os hostaleiros que abandonaran o salón de plenos volveron aos seus sitios para iniciar a poxa. A concelleira de Cultura e Turismo de Lugo, Concepción Burgo, aínda que manifestou que o Concello tiña potestade para decidir a orde da poxa, aceptou iniciar o proceso pola caseta que elixisen os propios interesados. En calquera caso, tamén deixou claro que esta decisión foi “unha concesión da comisión de festas”.

Calma tensa
Nun clima de calma tensa, foron poxadas, finalmente, as cinco casetas e os cinco caldeiros do polbo. Curiosamente, salvo no caso do posto número 2, todas adxudicáronse polo prezo de saída, un feito que molestou bastante ao Goberno municipal. De feito, en declaracións posteriores aos medios de comunicación, Burgo asegurou que algúns hostaleiros “viñeron para puxar, pero outros, simplemente, para estar”. 

A caseta número 1 foi adxudicada á pulpería Aurora e fillos, por 17.835 euros; a 3 foi para Ramiro López, que pagará 15.630 euros; a 4 será ocupada polo Hotel Torre de Núñez, que abonará 14.475 euros, e a 5 levouna “Xantar na feira”, por 13.325 euros. O prezo de saída da segunda era de 16.680 euros, pero “Manuel de Marce” tivo que pagar, finalmente, 23.280 euros para facerse con ela.

Os caldeiros foron adxudicados aos mesmos hostaleiros que se farán cargo das casetas, salvo no caso dos números 2 e 5, dos que se ocuparán a pulpería Aurora e Alicia Fernández, respectivamente.

En total, o Concello de Lugo recadou con esta poxa 129.030 euros, 84.545 das casetas que se instalarán na Rúa de Foz –nas inmediacións do Parque Rosalía de Castro- e 44.485 dos caldeiros, o que supón un incremento de 12.330 euros con respecto ás pasadas patronais, cando as arcas municipais ingresaron 116.700 euros.

Ata o 1 de novembro
As festas de San Froilán comezarán oficialmente o día 4 de outubro, aínda que os adxudicatarios poderán iniciar a montaxe das casetas o 6 de setembro, para comezar a súa actividade o 27 do mesmo mes e permanecer abertas ata o 1 de novembro.

A ración de polbo custará nesta edición 6,80 euros, mentres que a de pan e cachelos custará 1 euro. A botella de tres cuartos de litro de viño de mesa pagarase a catro euros.

Comentarios