Á mesa ao final do Camiño


Un peregrino le El Progreso na Praza do Obradoiro (Foto: AGN)

O Camiño está de permanente actualidade e é unha riada constante de camiñantes e peregrinos cara a Santiago. O final do traxecto merece unha certa celebración gastronómica, que pode inclinarse pola cociña do país. Hai en Santiago oferta de calidade e hai tamén exceso de locais que funcionan unicamente co obxectivo de captar turistas, sen máis.

Fómonos ata o Enxebre do Hostal, chamados polo seu marco único, incitados por algunha literatura e á busca de algo de tranquilidade no bulicio turístico que domina estes días de verán a cidade vella compostelá. O Obradoiro era na anoitecida unha festa de linguas diversas e goce dunha das prazas con máis encanto e beleza de Europa.O marco do Enxebre é único. O mobiliario recorda en exceso esa tendencia pseudoconventual dos paradores. A promoción publicitaria que alí se fai da cociña galega merece un eloxio, incluso polo uso do idioma galego. A cociña que se oferta, economicamente moi aceptable, podería coidar máis a calidade e a presentación.

Saímos ceados ao Obradoiro con certo optimismo. Fómonos polas rúas co son dunha gaita que chegaba desde as inmediacións do Pazo de Xelmírez e dunha pseudotuna que entretiña a turistas polas inmediacións do pazo de Raxoi.

Imos outorgarlle o aprobado á experiencia na taberna do Hostal, con matizacións e algunha reserva. Unha hamburguesa de porco celta invita a probala certamente. A experiencia só con abrir os pans que envolven a carne apunta a que se esqueceron de que a hamburguesa afai ser con carne picada. Un anaco de filete, de excelente sabor iso si, no medio do pan da hamburguesa produce decepción. E as patacas fritidas que a acompañaban no prato eran un auténtico atentado para a vista polo grosor, a cor e as dúbidas sobre como chegaron á freidora.

Un arroz caldoso de peixe, que tamén pedimos, estaba dominado pola cor vermella dun colorante ou pemento, coma se o asperxeran en exceso antes de levalo á mesa. O pemento ou o colorante non se incorporou á base previa, se a houbo, á cocción do arroz. O sabor, con dominio de mexillóns, superaba en calidade á pobre presenza. Calquera humilde arroz caldoso que se coma en Portugal puidese servir como mellor referencia comparativa.

Uns xurelos foron a mellor elección. Un prato para atoparse co sabor do mar de Galicia, aínda que lle sobrase algo da base dunha especia de vinagreta no fondo do prato. Pero, en todo caso, agradécese en días de calor..

Perfecta a temperatura do godello que invitaba a ser bebido. Excelente o Joaquín Rebolledo. Hai brancos en Galicia que permiten prescindir dos tintos á hora de sentar á mesa, sobre todo en tempo de verán e con pratos como os xurelos ou o arroz caldoso. Hai que destacar tamén a opción de poder pedir por copas. E unha mágoa que a auga que se serve non sexa galega, sobre todo cando o restaurante está dedicado á cociña de Galicia..

Comentarios