A opción de Cillar de Silos

Da explosión de adegas e marcas da Ribeira de Douro, Cillar de Silos é relativamente novo, moi dinámico e penetrou moi ben no mercado galego, tanto na restauración como nas superficies comerciais de alimentación.

No mercado están as presentacións Cillar moza, Cillar de Silos, Torresilo e Cillar rosado. A presentación Torresilo é a versión cara da adega. Este viño sae ao mercado cando a colleita é extraordinaria e logo de pasar 16 meses en barrica de carballo. A presentación Cillar de Silos é a máis abundante e a que identifica e ata diría que lle achegou o prestixio á marca, aínda que sexa Torresilo a xoia de casa.

A adega fíxose co mercado en base a Cillar de Silos, un tinto  elaborado en base á uva tempranillo. Un viño redondo, cun longo e agradable recordo, que di a cata e que comproba o bo afeccionado. É un viño que sabe, carnoso, con taninos amables. Presenta unha cor intensa e profundamente vermello que identifica plenamente aos bos viños da Ribeira. Nas últimas colleitas subiu algo o prezo, pero por relación calidade/prezo, Cillar de Silos é das mellores opcións que un atopa en Ribeira de Douro.

Comentarios