A operación Entrerrúas contra o furtivismo pecha con vinte e sete detidos

Acúsaselles de supostos delitos contra a flora e a fauna, contra a saúde pública e o medio ambiente

A Policía Autonómica anunciou este luns o fin da operación Entrerrúas coa detención de vinte e sete persoas por supostos delitos contra a flora e a fauna, contra a saúde pública e o medio ambiente e receptación. A operación tivo dúas fases, coa detención das citadas vinte e sete persoas, o rexistro dunha depuradora legal, así como outras dúas ilegais que se situaban unha na zona de Muros e outra na zona de Santiago, e o comiso de tres toneladas de marisco.

Axentes do grupo da Erpol da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago de Compostela en colaboración co servizo de Inspección e Control de Recursos de Gardacostas levaron a cabo a segunda fase, que empezou en agosto. Desde o inicio deste operativo hai tres meses realizáronse dez detencións e foron incautadas 2,5 toneladas de marisco supostamente ilícito.

A través dun comunicado, a Xunta explica que froito das investigacións levadas e do estudo da documentación intervida na primeira fase púidose determinar que o marisco extraído de xeito ilegal chegaba ao consumidor a través de diferentes canles.

Estes estaban vinculados con persoas habilitadas legalmente para a distribución e depuración do marisco, que utilizaban depuradoras ilegais para meter no mercado o produto obtido polos furtivos.

No marco da investigación, constatouse que algún deles obtiña ata 7.000 euros froito desta actividade ilícita, engade a nota de prensa. O xulgado de instrución número dous de Ribeira dirixe as investigacións, polo que alí foron entregadas as dilixencias policiais tras o peche desta segunda fase.

Comentarios