O Rosal esgotará en dez días a sua colleita de mirabeles frescos, única en España

O mestre do Rosal nos anos trinta do século pasado, Xosé Sánchez García, trouxo desde a Selva Negra alemá uns exemplares da árbore froiteira que dá o mirabel, unha froita habitual no sur de Alemaña e nordeste de Francia, pero inexistente en España, e a súa rápida aclimatación a Galicia converteu ao froiteiro alemán en produto adecuado para a súa explotación en fresco e en conserva polo que o mestre creou a empresa "A Rosaleira" para a súa transformación.

A empresa "A Rosaleira" é agora da adega vitícola "Terras Gauda" e dedícase, como outrora, á produción de mirabeles en almíbar como outras empresas da comarca pontevedresa aínda que a elaboración está a diversificarse e tamén hai marmeladas e licores.

Só dez días para mirabeles en fresco

O consumo en fresco desta froita só é posible tras a constitución hai dous anos, da empresa "Froitos do Rosal" con 33 socios produtores de mirabeles de froiteiros plantados hai sete anos.

Un dos administradores, Xosé Luís Iglesias Vicente, explicou a GG que este ano era, previsiblemente "o da gran primeira colleita" pero en marzo a climatoloxía foi adversa e as flores quedaron danadas ou truncadas por choivas intensas e pedrisco.

"En 2009 tivemos 8000 quilos de mirabel e este ano tiñan que ser máis pero quedamos en case 3000 quilos, iso si de gran calidade e sabor, e venderanse desde o día 21 de xullo ata finais do mesmo mes pois non hai máis".

Os poucos padais que accedan a estes mirabeles frescos, segundo Igrexas, atoparanse cunha froita dourada, con pintas vermellas, doce, aromático e moi saboroso, cultivada baixo supervisión do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e só se podran comprar nalgúns centros da cadea Eroski que se abastecerá deles ata finais de xullo.

Poderanse comprar en tarros de medio quilogramo a 2,5 euros.

Futuro para o mirabel

Ademais das emrpesas que se dedican á súa elaboración con almíbar, en marmelada, licores e augardentes, a nova empresa "Froitos do Rosal" sumarase a ese sector transformador no futuro, destinando unha pequena parte dos mirabeles frescos a un proceso de pasificación "" para comercializar a froita confeitada, como é habitual en Francia, segundo explicou Iglesias Vicente.

Comentarios