A ruta do viño do Ribeiro incorporará a máis de 40 establecementos

Autoridades en la inauguración de la Feira do Viño de O Ribeiro (AGN)
photo_camera Autoridades en la inauguración de la Feira do Viño de O Ribeiro (AGN)

Máis de corenta establecementos están en proceso de incorporación á Ruta do Viño do Ribeiro, segundo informa a súa secretaría técnica. Trátase de adegas, enotecas e viñotecas, museos do viño e centros de interpretación, establecementos de hostalería (incluído o turismo rural), tendas especializadas, bares e restaurantes, axencias de receptivo e empresas de ocio temático.

Estes datos coñecéronse con motivo da presentación en sociedade desta iniciativa, que coincidiu coa inauguración oficial da XLV Feira do Viño do Ribeiro, que se celebra esta fin de semana en Ribadavia (Ourense).

Segundo o dossier facilitado pola secretaría técnica da ruta, esta baséase na “cooperción público-privada e está permanentemente aberta a todos aqueles establecementos dos municipios que integran o territorio da Denominiación de Orixe que desexen formar parte dela e cumpran cos requisitos establecidos polo ente xestor”.

Engade o documento que o produto “Rutas do Viño de España”, no que se enmarca a do Ribeiro, consiste na “integración dos recursos e servizos turísticos de interese dunha zona vitivinícola, proxectados desde a autenticidade e a vocación vivencial, co fin de construír un produto a partir da calidade e a identidade do destino”.

Trátase de optimizar “a comercialización conxunta, o nivel de satisfacción da demanda e o desenvolvemento socioeconómico integral do territorio”. No caso do Ribeiro, os promotores da ruta destacan como recursos fundamentais da zona, ademais do propio viño, a paisaxe, a riqueza natural, a auga, a pedra ou o termalismo.

Servizos para o turismo
Segundo explican os impulsores deste proxecto, o  concepto “Ruta do Viño” engloba unha ampla oferta de servizos para o turismo. Desde as visitas a adegas, enotecas e museos do viño ata actividades culturais e deportivas, oferta nocturna, aloxamentos e restauración.

Na actualidade son xa un total de 15 as rutas que traballan no proxecto promovido pola Asociación de Pequenas e Medianas Cidades Vitivinícolas (Acevin), creada en 1994 e que conta con 54 socios pertencentes a 23 denominacións de orixe de toda España.

Comentarios