A 'Sardiña de San Xoán' mollou o pan

Tapa ganadora (Foto: Santiago(é)Tapas)
photo_camera Tapa ganadora (Foto: Santiago(é)Tapas)

A Tapa 'Sardiña de San Xoán' , presentada polo restaurante Acio, 'mollou o pan'. Foi a gañadora do concurso de cociña en miniatura ‘Santiago(é)Tapas' organizado polo Departamento de Turismo do Concello compostelán. O establecemento vencedor, situado na Rúa Galeras da capital galega, leva un premio de mil euros en metálico e publicitarase gratuitamente en medios de prensa locais, cun espazo de dúas páxinas, cuxo custo equivalería a outros mil cincocentos euros.

A tapa gañadora é unha preparación sinxela, pero efectiva. Trátase do lombo asado, limpo e sen espiñas dunha sardiña, sobre un leito de pementos de Padrón e pan, todo iso presentado nun anaco de lousa. A clave do éxito desta preparación atópase tanto na calidade do produto coma no perfecto punto de cocción da sardiña e os pementos, que se serven sen o rabo.

Ademais deste premio absoluto, foron galardoadas as seguintes tapas: ‘Cefalópodoespetada con ali-oli da súa tinta', do restaurante ‘Garum Bistró', na categoría de mellor preparación tradicional; ‘Semáforo de verduriñas frías', do establecemento ‘Madame Ragú', no apartado de mellor tapa creativa; o premio do público foi para o ‘Solombo de porco con cebola caramelizada'; da ‘Tapería Bokados'; o galardón á mellor maridaxe coa cervexa Estrella Galicia correspondeu aos ‘berberechos con pataca panadeira e cebola', do Mesón San Lázaro e o premio ‘Galicia Calidade', pola mellor utilización de produtos autóctonos levoullo o ‘Arroz de Verín', do restaurante ‘Casal do Cabildo'.

Ademais, na gala de entrega de premios desta primeira edición, celebrada esta tarde no compostelán Hotel AC Palacio do Carmen, sorteráronse varios premios para o público que durante os días de celebración do concurso tivo a oportunidade de votar as mellores tapas. Unha das afortunadas, natural de San Cibrao (Lugo), levou unha viaxe a cualqueira dos destinos europeos que desde Galicia ofrece a compañía Air Berlín. Pola súa banda, o restaurante ‘Agarimo' resultou vencedor no sorteo dunha viaxe ao próximo Forum Gastronómico que terá lugar en Xirona.

Calidade
Tras a entrega de premios, o concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, destacou o alto nivel dos participantes e avogou por manter a calidade como aceno de identidade da hostalería compostelá. De cara a unha posible próxima edición do certame, o edil apostou ata por 'triplicar' o número de establecementos participantes; neste primeiro concurso foron 45 en total.

En Santiago(é)Tapas competiron un total de 113 tapas diferentes, que puideron degustarse en diferentes locais de toda a cidade, a un prezo de entre 50 céntimos e 3 euros, entre o 28 de xuño e o 13 de xullo. Segundo a organización, durante o certame consumíronse máis de 20.000 tapas.

Comentarios