A troita e o albariño danse cita no Fórum Gastronómico

A troita e o viño déronse cita no Fórum Gastronómico compostelán para demostrar unha perfecta maridaxe de sabores e texturas. Atrugal, unha das principais asociacións de produtores de troita en España, e líder en Galicia, demostrou que este peixe de río, habitualmente pouco valorizado, ten multiples posibilidades e non queda curto á beira dun albariño.

As condicións e calidade das augas dos ríos galegos, fan de Galicia un lugar idóneo para o cultivo da troita. As condicións particulares das augas propiciaron que a historia do cultivo deste peixe comezase nosos os ríos galegos. Así, segundo informa Atrugal, a primeira referencia escrita sobre a produción de peixes en España data do ano 1129, nunhas instalacións acuícolas situadas nas beiras do río Sar.

Atrugal é unha ADSG (Agrupación Defensa Sanitario-Gandeira), que aglutina 20 socios e 26 factorías contempla dúas liñas principais de traballo ao redor da calidade e a promoción da troita, presentándoa como un produto san e lixeiro e tratando de achegala ao consumidor.

A cata
Susana Portela, xerente de Astrugal, e David Barco, presidente da Asociación Galega de Catadores, realizaron no recinto feiral de Amio, no trascurso do Fórum Gastronómico, unha cata maridaxe de viños con Denominación de Orixe Rías Baixas e tres receitas feitas a base de troitas.

Para a ocasión foron elixidos os cinco viños campións da Cata das Anadas. Esta cata caracterízase porque os seus caldos son variedades do ano feitos en botella que buscan aumentar ao máximo as potencialidades do Albariño. Polo tanto, os viños empregados non se atopan actualmente no mercado.

Pola súa banda, Susana Portela mostrou tres receitas que resaltan as multiples propiedades de preparación da troita, capaz de adaptarse a multiples posibilidades que non se lle adoitan atribuír, como unha crema feita cos recortes do peixe.

Comentarios