A USC investiga a comercialización do kiwi en almíbar

Un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballa na comercialización do kiwi en almíbar, que estaría reservada para as partidas de froita con defectos morfolóxicos ou que presenten danos exteriores e que non adoitan atopar saída no mercado.

O traballo de investigación baseouse, entre outros métodos, en catas cegas de consumidores que deron a súa aprobación ao produto. ''Gustou moito e todos din que o comprarían'', destaca nunha nota a coordinadora do estudo, María Ángeles Romero, do Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC. A empresa Kiwi Atlántico, colaboradora na elaboración do estudo, está en contacto con ''outras moitas industrias pequenas ás que lle podería interesar elaborar kiwi en almíbar'', apunta Romero.

Outro obxectivo da investigación da USC era a comparación, desde o punto de vista sensorial, físico e químico dos tres sistemas de cultivo desta froita: o convencional, o integral e o ecolóxico. A principal conclusión, a partir de catas cegas ás que se someteron os grupos de consumidores consultados, é que apenas existen diferenzas, agás que a froita cultivada ecoloxicamente contén maior índice de vitamina C.

No estudo interviñeron Lourdes Vázquez (nutrición e bromatoloxía), Nieves Muñoz (estatística), Julio Gómez, Enrique Arbones (enxeñería agroforestal), Ramiro Barcia (bioquímica) e Emilio Ruzo (comercialización), ademais da colaboración dun grupo da Universidade de Vigo dirixido por Pedro Pablo Gallego.

Comentarios