A vendima na Ribeira Sacra, a mediados de setembro

Viñedos na Ribeira Sacra (Foto: C.R.D.O. Ribeira Sacra)
photo_camera Viñedos na Ribeira Sacra (Foto: C.R.D.O. Ribeira Sacra)

Aínda que nas dúas campañas previas a vendima na denominación de orixe Ribeira Sacra adiantouse aos primeiros días do mes de setembro, o presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, explicou a AGN que a maduración das uvas non está tan adiantada como o ano pasado, polo que o órgano reitor estuda a posibilidade de iniciar a recollida do froito na segunda quincena dese mesmo mes.

A pesar de que aínda non se tomou unha decisión definitiva, Rodríguez avanzou que o Consello Regulador manexa inicialmente o 20 de setembro como data para o comezo oficial da vendima. En principio, están inscritas no rexistro oficial do órgano reitor 105 adegas, que recollerán unha colleita próxima aos 5 millóns de quilos.

Con respecto á colleita deste ano, o presidente do consello regulador recoñeceu que as uvas presentan un óptimo estado sanitario, dado que as condicións climáticas impediron a proliferación de pragas que habitualmente atacan ás viñas. Con todo, deixou claro que non se pode baixar a garda”, porque o tempo que fai no último mes antes da vendima “é determinante” para o resultado final.

Boa situación comercial
Os viños da denominación de orixe Ribeira Sacra continúan consolidando a súa posición no mercado, especialmente en Galicia. Rodríguez confirmou que as vendas nos sete primeiros meses de 2008 son superiores ás do mesmo período do ano pasado en case medio millón de litros.

Entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo do presente ano, as adegas inscritas no rexistro oficial do consello regulador comercializaron 2.160.000 botellas de viño amparadas pola denominación de orixe, o que significa un incremento no volume de vendas que rolda o 20%, segundo Rodríguez.

Comentarios