Valdeorras da refuxio e revitaliza uvas en perigo de extinción

Os premios e recoñecementos obtidos por viños Valdeorras nos últimos anos animan aos adegueiros a seguir o camiño da diferenciación e para iso contan cun gran patrimonio de biodiversidade que estivo a piques de desaparecer, segundo explicou a GG o enólogo do Consello Regulador da denominación de orixe (D.O.) Valdeorras, Jorge Mazaira.

Os viños máis coñecidos da comarca teñen como base uvas brancas de "godello" ou tintas "mencía" mentres que as variedades menos comerciais e cunha produción moi dependente do tipo de terreo e da súa exposición ao sol, foron desaparecendo dos viñedos valdeorreses "e con todo son os máis buscados hoxe porque conteñen a máxima expresión de aromas e sabores", agregou Mazaira.

Entre as variedades de uva que xa están a recibir coidados intensivos tras un período de perigo de extinción, están as tintas autóctonas de Galicia "sousón" e "brancellao".

Mil botellas só de "brancellao", únicas no mundo

Joaquín Sánchez "Alán" coñece a variedade "brancellao" porque é da Rúa, na comarca de Valdeorras e alí herdou e comprou viñedos nos que quedaban plantas illadas deste tipo de uva, grazas á sensibilidade que mantivo o seu pai, propietario dun viveiro, pois sempre tivo á venda enxertos desta uva.

"O meu pai apenas vendeu eses enxertos pero sempre se preocupou de recuperalos das viñas nas que ían aparecendo tras ser eliminada por unha peste de oidio en 1850", agregou.

O pouco "brancellao" que sobreviviu ao fungo "oidium" non resistiu o posterior ataque do insecto "filoxera" -na mesma década- e os viticultores abandonaron os seus coidados.

Desde o ano 2007, unha leira de 7000 metros chamada "A Costiña" da familia Alán, da refuxio ás únicas uvas tintas "brancellao" do mundo que teñen unha marca de viño propia, co nome desa ladeira que lles dá o chan e a insolación adecuados á súa maduración tardía.

"Antes de conseguir a primeira colleita boa en 2007, que comerializamos en 2009, probei a coidar 50 cepas de 25 anos que temos no val do río Sil pero o resultado foi malo e pasamos a ocuparnos do viñedo que temos na ladeira da Rúa, onde en tres anos descubrimos que podiamos obter un viño aromático único", proseguiu.

A peculiaridade do "brancellao" ou "albarello", segundo Alán, está na maior acidez tartárica -fronte á málica- que favorece a conservación dos viños e a maior permanencia de aromas cítricos, máis agradables que os emanados do málico.

Outras 2000 botellas para o exclusivo tinto "sousón"

Na edición número 13 da Feira do Viño de Valdeorras, que se celebra o fin de semana do 14 de agosto de 2010, pódense atopar tamén as primeiras botellas do primeiro viño monovarietal "sousón" da comarca.

A copropietaria da adega Santa Marta, María Jesús Álvarez Rodríguez, explicou a GG que a variedade tinta "sousón" é máis propia das comarcas do Ribeiro e Ribeira Sacra "pero en Valdeorras témola para complementar ao mencía desde hai algúns anos".

A primeira produción para o viño monovarietal foi en 2009 para 2000 botellas co nome de "Viñaredo" pero se irá ampliando a medida que entren en produción as novas plantacións da adega.

Tamén pode atoparse viño monovarietal "sousón" en Rías Baixas, concretamente no municipio de Rubiós (Pontevedra), onde a elaboración tradicional non é a do branco "albariño" senón de viños con variedades tintas de uvas.

Valdeorras tamén saca o mellor da "garnacha tintureira"

Outra das variedades recuperadas ou melloradas en Valdeorras é a levantina "garnacha tintureira", condenada á desaparición en Galicia pois non ofrece calidades diferenciais e explótase en toda a península ibérica.

Joaquín Sánchez "Alán" decidiu sacarlle partido e en 2008 comezou a vendimiarla "sobremadurada", é dicir, máis tarde do habitualmente recomendable, e someteuna a un proceso normal de elaboración vitícola.

A variación está nos dous anos que o viño permanece en depósito e logo 6 meses en botella, antes de saír ao mercado co nome de "Escada".

O adegueiro destina a este viño un grupo de cepas centenarias de "garnacha" cuxa produción é de 3000 botellas anuais pois o rendemento é de 4 acios (aproximadamente 800 gramos) por cada cepa, pois o viñedo se encontra nun chan pedregoso e empobrecido que só da acios pequenos.

Precisamente os acios pequenos reciben en Valdeorras o nome de "escada" como o viño de Alán, que xa comezou a recibir premios como o primeiro da décima cata de viños tintos galegos en Llodio (Álava), celebrada o pasado mes de xuño no marco do "Día de Galicia" de Euskadi.

Feira sen inauguración como loito por brigadistas falecidos

A XIII Feira do Viño Valdeorras abriu as súas portas na mañá do día 14 de agosto sen a presenza prevista de representantes da Xunta de Galicia e da ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño Elena Espìnosa, que si estivo nunha recepción previa pero non acudiu á apertura oficial.

Este recorte da inauguración oficial, segundo fontes consultadas por GG, decidiuse como pésame polo falecemento de dous brigadistas antiincendios en Fornelos de Montes (Pontevedra) ocorrido pouco máis de 24 horas antes.

Os visitantes poderán degustar, tamén o día 15, viños de 22 adegas do D.O. Valdeorras cuxos expositores están na beira do río Sil, no lugar coñecido como "O Aguillón", onde estarán acompañados por unha carpa na que se pode comer polbo á feira.

Tamén haberá cursos gratuítos de cata de viños impartidos polo enólogo do Consello Regulador do D.O. Jorge Mazaira que, entre outros, dará a degustar o primeiro viño galego obtido de barrica de carballo  -en lugar dos habituais carballos americano ou francés-.

Este viño é o primeiro resultado dun proxecto experimental iniciado polas universidades de Santiago de compostela e Castela-A Mancha coa adega "Algueira" da Ribeira Sacra e o consello regulador de Valdeorras para estudar a viabilidade do carballo galego para elaborar barricas.

Comentarios