A XLV Feira do Viño do Ribeiro contará cuns 60 expositores

Presentación de la Feria (AGN)
photo_camera Presentación de la Feria (AGN)

A XLV Feira do Viño do Ribeiro, que este ano cambia de data para celebrarse a comezos de xullo, contará coa participación duns 60 expositores, entre adegueiros e colleiteiros.

Na presentación da festa, que tivo lugar en Santiago e estivo presidida polo conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, sóubose tamén que este ano, como novidade, cobrarase polo consumo do viño (desde 3 euros por botella) e haberá un restaurante vip, unha taberna típica e unha caseta de tapas de calidade.

Outra novidade desta feira de Ribadavia (Ourense), que terá lugar os días 4, 5 e 6 de xullo próximos, será que os participantes poderán ter presenza física ou presentar os seus viños nunha vitrina especialmente deseñada para a ocasión.

Xornadas profesionais
Ademais, este ano haberá, na semana previa á feira, unhas xornadas profesionais para adegueiros e prensa especializada, coa participación de expertos da Universidade Autónoma de Madrid, de Barcelona e da Rioxa, entre outros.

Os actos festivos comezarán o venres 4 pola mañá e prolongaranse ata o domingo 6 pola tarde.

No acto de presentación da XLV edición da feira estiveron presentes, acompañando ao conselleiro do Medio Rural, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, Luís Ángel Rodríguez, e o concelleiro de Promoción Económica de Ribadavia, Xabier Carreira.

Comentarios