A Xunta formaliza a Academia Galega de Gastronomía

O Consello da Xunta aprobou a creación "formal" e os estatutos da Academia Galega de Gastronomía. Trátase dunha medida de carácter administrativo que ratifica, desde o punto de vista legal, a existencia da entidade, que xa viña funcionando desde hai tempo.

Segundo a Xunta, os fins deste organismo son o estudo, o coñecemento e a promoción das ciencias e das artes culinarias, ademais da promoción do seu valor etnográfico a través da investigación e a práctica das cociñas propias das distintas comarcas e parroquias galegas.

O organismo, actualmente presidido por José Antonio Quiroga y Piñeyro, persegue divulgar as excelencias da cociña galega e propiciar a súa estima e expansión; coidar da pureza das súas tradicións e dar a coñecer en España e no estranxeiro as súas características e aspectos máis relevantes.

A Academia quedará agora adscrita á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Para levar a cabo os seus obxectivos, a esta entidade gastronómica porá en marcha diferentes iniciativas, tales como a organización de actos culturais, a edición de publicacións, a investigación de novas receitas, a creación de premios ou a elaboración de guías.

Comentarios