O porto de Burela vístese ''de bonito'' para saír de festa

O concelleiro delegado de Turismo de Burela José González Legazpi explicou a GG que a Feira do Bonito naceu fai 26 anos como forma de reivindicar e pór en valor a pesca artesanal practicada en Burela e outros portos boniteros galegos, fronte ao uso de artes máis destrutivas utilizadas noutros países boniteros europeos.

A actividade pesqueira, durante os últimos anos, diversificouse e agora os barcos saen no verán ao bonito, no inverno ao peixe espada e durante todo o ano á pescada "ó petisco" pero a pesca bonitera "segue sendo importante e abastece a conserveiras galegas e mercados de toda España", agregou.

Antes da festa todo é actividade no porto de Burela

A organización dunha parte da XXVI Feira do Bonito corre a cargo da Sociedade Cultural e Recreativa "Ledicia", cuxa presidenta Rocío Rivera Seara, explicou a GG que cen voluntarios que son xubilados do mar que, no caso deste ano, encárganse de preparar 3.500 quilogramos de bonito para a súa degustación o día 7 de agosto, dos que 1.200 quilos cócense e deles 250 destínanse a empanada.

Rivera recordou que a idea da Feira do Bonito xurdiu dese colectivo de pescadores boniteros, entre eles Federico Ruíz, e por ese motivo a festa inclúe cada ano unha homenaxe a algúns deles en recoñecemento do seu labor "pois sen o seu traballo, a festa non sería posible", agregou e noméaselles "Asador Maior", que este ano será Juan Carlos Piñeiro Docampo, e unha "Colaboradora de Honra" que será Dores Anido Yáñez.

Pola súa banda, a fundación "Expomar" encárgase de instalar máis de 60 expositores que acollerán a produtores ecolóxicos e artesáns de toda Galicia, Asturias, Córdoba e Castela-León, entre eles os do sector alimentario como as Conservas de bonito en aceite de oliva "Roda-Santoña" e "O vello pescador", ambas de Asturias, pois Burela carece actualmente dunha empresa transformadora.

A xerente da fundación, Catalina Sánchez Luengo, explicou a GG que ademais dos produtos artesáns, o mercado "Produart" incluirá charlas sobere banca ética, comercio responsable, soberanía alimentaria a cargo dun produtor de Valdeorras de viño ecolóxico e a empresa "Amorodo", e talleres como o de cestos ou "paxes" tradicionais da zona.

Expositores e actividades serán os últimos en abandonar o porto de Burela pois estarán ata o día 9 de agosto.

Xogar, bailar e comer bonito

Os vistantes poderán coñecer e adquirir ademais queixos de Taramundi, coitelos de Riotorto, artesanía en prata, coiro e cerámica, conservas vexetais e marmeladas de Mondoñedo, galletas de nata artesanais de Monterroso, criadores de porco caseiro para matanza, conservas de sebes e grelos de Vilalba, aceites, embutidos e incluso a asociación "Karrikanta" de consumo ecolóxico da Mariña lucense, entre outros.

Podran degustar as diferentes especializades culinarias elaboradas con bonito das que a máis coñecida nas casas de Burela é "o bonito á grella" que, segundo Rivera, elabórase con rodajas do peixe asadas á grella,logo bañadas cun chorro de vinagre e servidas cun refrito de allo en aceite, viño branco e caldo obtido tras cocer pel e espiñas do bonito.

Pero tamén haberá bonito en marmitaco "", en salpicón ou cocido e todos acompañados por pan e viño tinto local ao prezo de 6 euros a ración que é suficiente para dúas persoas.

Antes da comida, as penas e colectivos locais, ademais dos visitantes, porán a proba a súa pericia nos xogos da "costeira" (nome que se dá á tempada de pesca do bonito, desde maio a setembro) que son xogos tradicionais reinventados en versión mariñeira.

Entre eles está a "carreira de varas", na que os participantes corren cargando as varas de cebos dos barcos boniteros, a "pesca do bonito" na que se compite por pescar no menor tempo posible os bonitos conxelados que están dentro de barrís ou o "crebacabezas xigante" no que os participantes deben completar un puzzle con colectores cuxas tapas superiores teñen pintada unha figura.

Comentarios