Lagar de Costa faise coa medalla de ouro da XXI cata concurso Rías Baixas Albariño de Cambados

Logo de catar 61 marcas de Rías Baixas en dous días, os profesionais que integraron o panel de cata da XXI Cata Concurso Rías Baixas Albariño decidiron que os premios desta edición recaesen a medalla de ouro na marca Lagar de Costa, da adega Dores Fontán; a medalla de prata nas Rías Baixas Albariño de Pazo Pondal, Adegas Pazo Pondal e; a medalla de bronce en Señorío de Rubiós, da adega Coto Redondo.

Tras a entrega dos galardóns aos premiados durante a comida de confraternidade da LVII edición da Festa do Albariño en Cambados; os xornalistas, enólogos e catadores, que integraron o panel de cata do concurso durante esta edición, coincidiron en sinalar o bo nivel dos finalistas. Para o xurado a cualificación da anada 2008 como boa foi acertada por parte do pleno do Consello Regulador. Os catadores coincidiron en sinalar que os doce viños que protagonizaron a Cata Derradeira contaban cunha calidade homoxénea, todos eles. Pola súa banda, David Barco, presidente da Asociación de Catadoras de Galicia, describiu a estes viños: “con moita intensidade froiteira, ademais notábase o carácter varietal do albariño nos finalistas”.
 
Foron moitos os visitantes, que a media tarde se achegaron polo Paseo da Calzada, para degustar, antes de que a festa tocase ao seu fin, as Rías Baixas Albariño e, en especial as marcas galardoadas nas corenta casetas, ocupadas polas 43 adegas participantes nesta edición. A organización estima que durante esta edición da Festa do Albariño pasaron unhas 250.000 persoas polo Paseo da Calzada para degustar os viños da anada 2008 e que no recinto das casetas vendéronse 60.000 botellas, así como 18.000 catavinos.

Comentarios