A D.O Rías Baixas, en auxe

As exportacións dos viños adscritos á Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas aumentaron un 70% nos últimos dous anos. Así o confirmou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, durante unha visita que realizou á adega da Cooperativa Vitivinícola Arousá SCG.

En concreto, os datos achegados pola consellería reflicten un aumento do 60% no ano 2007 e un incremento do 10% no ano pasado. Neste sentido, o titular do departamento económico resaltou "o incremento da proxección" dos viños desta DO nos mercados exteriores e engadiu que a facturación das cinco demarcacións vitivinícolas galegas alcanzou un total de 70 millóns de euros no 2008.

O conselleiro recordou o investimento realizado polo departamento que dirixe na sinalización da Ruta do Viño dás Rías Baixas, que ascendeu a 160.000 euros o ano pasado.

Segundo afirmou, esta actuación ten como obxectivo "contribuír á divulgación do patrimonio enóloxico" da zona e ademais "facer máis accesible" aos consumidores e visitantes "uns recursos privilexiados".

No transcurso da visita ás instalacións da adega, Suárez Canal informou da achega que a consellería destinou á posta en marcha deste proxecto, unha axuda de máis de 1,5 millóns de euros. En palabras do conselleiro, é unha empresa que contribúe a dinamizar "a economía desta zona".

En relación coas actuacións de apoio ás denominacións de calidade, Suárez Canal anunciou que o próximo mes de febreiro comezará o proceso de redacción dos convenios cun total de 39 concellos incluídos no 'Plan Especial Rías Baixas', que conta cun orzamento de 3,2 millóns de euros.

O obxectivo deste proxecto é mellorar os camiños rurais da zona para permitir o tránsito da maquinaria agrícola, o acceso ás viñas e o transporte das uvas ata as adegas.

Ademais, o responsable de Medio Rural destacou o "importante esforzo investidor" en materia de promoción, ademais da aposta pola estabilidade e profesionalidade no sector, algo que segundo o conselleiro, reflíctese en medidas como a firma dos contratos homologados.

Comentarios