As pegadas do 'terruño' na copa

Cata de los vinos de la bodega San Mamed (EPL / Toño Parga)
photo_camera Cata de los vinos de la bodega San Mamed (EPL / Toño Parga)

Do centenar de adegas da denominación de orixe Ribeira Sacra só dúas están en territorio monfortino, en concreto en Rozabales, e son as firmas San Mamed e Don Ramón. Ademais, ambas teñen os seus viñedos en Vilachá de Salvadur, A Pobra do Brollón, e conservan e comparten a elaboración tradicional dos seus caldos.

A firma San Mamed entrou na denominación de orixe Ribeira Sacra en 1999 e por agora, a súa produción, que rolda as 20.000 botellas anuais, queda prioritariamente no mercado español. Con todo, esta adega ten en mente conquistar novos destinos e novos sectores e con ese obxectivo presentou os seus caldos en sociedade nunha cata celebrada nas instalacións da vinoteca O Celler de Monforte, que tamén abriu as súas portas hai uns días. «Levamos moitos anos traballando no sector do viño. Os meus pais levan nisto toda a vida anque o salto á denominación non se deu ata 1999 . Temos unhas canles de distribución estables e unha clientela fiel, pero queremos abrirnos a novos sectores e darnos a coñecer ao gran público», explica María José Aira, que se encarga do aspecto máis social da adega. Por esa razón, a firma presentou os seus caldos ante a clientela do recentemente aberto establecemento hostaleiro monfortino, situado na Rúa Calvo Sotelo da cidade.

San Mamed promocionou os seus dous produtos de referencia, o San Mamed mencía novo, que leva o mesmo nome da adega e é o viño que máis coñece o público en xeral, e a marca Linaxe de Lupián. Este último caldo, segundo afirman os seus creadores, é un mencía novo, pero cunhas características particulares. Un viño diferente orientado a novos mercados.

Linaxe de Lupián é un viño moi coidado no fondo. Na súa cata faise referencia ao seu suave aroma afrutado (mouras, frambuesas, froitas do bosque) e limpo. A un sabor longo, mineralizado, reflexo do terruño no que se cultiva a uva, e un excelente ataque e padal persistente. Estas calidades xa lle serviron para lograr varios premios no certame internacional de viños de montaña en diferentes anadas.

Pero Linaxe de Lupián tamén é novo na forma e a etiquetaxe fai referencia á historia da zona. «O nome de Lupián vén dunha zona de Vilachá que estivo habitada e da que hoxe en día só se conservan unhas ruínas», explican desde a adega. De feito, no seu selo reflíctese unha moeda do século II cunha ánfora debuxada que fai referencia á gran tradición vinícola da contorna de Lupián e quere render homenaxe aos que trouxeron as primeiras cepas á zona.

María José Aira quedou moi satisfeita do resultado desta primeira cata aberta ao público. Apuntou que este tipo de actividades adoitan organizarse para expertos que poden promocionar un viño desde algunha publicación ou referencia, pero engadiu que tamén é importante chegar ao consumidor final dun xeito tan directo.

Comentarios