A Laxa exhibe a súa boa man para a caza

Restaurante A Laxa / SEBAS SENANDE
Pratos de caza e unha fonte de raxo da Laxa (Foto: SEBAS SENANDE)

A sinxeleza non está rifada coa calidade. Así o demostra Raxería A Laxa, un establecemento situado no barrio da Milagrosa que prepara con sabedoría distintos pratos da cociña tradicional galega. Ata Reis celebra unhas xornadas da caza que gañan adeptos co discorrer dos anos, xunto á súa carta habitual. Despois comezarán as xornadas do cocido, que se prolongarán ata a finalización do Entroido.

Coello de monte, lebre, corzo, xabaril e perdiz eran as opcións a elixir para esta boa comida, en boa compañía. Inclineime polo corzo, acompañado de patacas cocidas. A carne, a pesar de que a textura máis ben seca que a caracteriza, estaba apetitosa. Este factor fala por se mesmo da lograda elaboración do prato, cuns grelos que suavizaban a contundencia da carne. Tamén probei o coello de monte, realmente saboroso. Servíase con patacas fritas, do mesmo xeito que as perdices. Todas as racións viñan en cazuela de barro, para conservar a calor.

Entre os entrantes sorprendeume a finura das croquetas caseiras de pescada. As zamburiñas á prancha e o revolto de cogomelos tamén nos deixaron satisfeitos.

Os cogomelos con xamón da carta son un dos pratos con maior tirón deste negocio situado na rúa Eduardo Pondal, do mesmo xeito que o raxo e o polbo, que son o seu sinal de identidade. Os callos son o gran reclamo dos martes. Unha cita obrigada.

Unha comensal optou polo peixe, unha pescada fresca de Burela, de bo tamaño e inmellorable aspecto. A brocheta de rape con puré caseiro e as distintas preparacións do bacallau -á prancha, á galega e ao forno- son outras opcións con tirón no apartado dos peixes.

Neste local, onde se come moi ben e nun ambiente familiar, ofrece outro produto tótem da gastronomía lucense: a anguía. A verdadeiro arte está sempre no seu punto de fritura. Teñen que estar crujientes, pero non queimadas. De aperitivo, mentres tomabamos un viño na barra, probamos tripas fritas, que ven moi pouco nos locais hostaleiros. A ver se un día destes organizan na Laxa unhas xornadas dedicadas a este produto.

SOBREMESAS

Como sobremesa é aconsellable a torta de zanahoria e coco, sobre unha base de bizcocho, cun contraste de sabores. Os mousses de limón e de castaña e a torta caseira de queixo completaban a proposta.

Non faltou tampouco na mesa un bo queixo, neste caso curado e feito en Taboada. Xa sexa galego ou de Castela, este manxar debe estar sempre presente nos establecementos onde se rende tributo ao polbo.

Para regar a comida optamos por un Don Bernardino, un tinto da subzona de Amandi, na Ribeira Sacra. A carta de viños ten outras alternativas interesantes de distintas denominacións de orixe.

No Mesón A Laxa pódese comer tamén un económico menú do día, así como os apetitosas menús especiais os fins de semana.

Comentarios