Leyma investirá case 7,5 millóns de euros para modernizar a súa planta de Arteixo

Foto: Leche Río
photo_camera Foto: Leche Río

A empresa Leyma Central Lechera S.A iniciou en xuño un plan de investimentos para modernizar as instalacións da súa fábrica no polígono industrial de Sabón, en Arteixo (A Coruña). O propietario e administrador único de Leite Río –grupo empresarial ao que pertence a firma coruñesa-, Jesús Lence, confirmou que a compañía ten previsto un gasto de 7.450.000 euros para ampliar a superficie de almacenaxe e renovar a maquinaria de envasado e esterilización.

O plan de traballo deseñado polo grupo Leite Río executarase en tres fases, distribuídas en doce meses, polo que a modernización da planta estará concluída en xuño do próximo ano. En primeiro lugar, abordarase unha ampliación do almacen automatizado da factoría, unha obra orzamentada en 3 millóns de euros, que permitirá aumentar a súa capacidade nuns 9 millóns de litros de leite.

Con esta ampliación, a factoría incrementará nun 50% a súa capacidade de almacenaxe. Ademais, a instalación dun moderno sistema robotizado -que traballará con torres mecánicas de ata 30 metros de alto- e a creación de tres novas saídas para os peiraos de carga facilitarán o tránsito da mercancía e axilizarán a partida dos camións da firma cara aos puntos de venda.

Nunha segunda fase, que estará concluída no principio do ano, a empresa instalará unha nova torre horizontal de esterilización de botellas de vidro, de 20 e 25 centilitros, que se utilizan para envasar batidos, zumes, nata montada e chocolate á cunca en monodosis. O investimento previsto ascende, neste caso, a 2.100.000 euros.

Para rematar, nunha terceira etapa, será instalada na factoría unha nova máquina para encher as botellas de leite UHT de litro e medio, con envase PET. O gasto previsto neste aparello é de 2.350.000 euros e comezará a funcionar antes do 30 de xuño de 2009.

50,8 millóns de facturación
Leyma logrou o pasado ano un dos mellores resultados económicos da súa historia, cunha facturación de 50,8 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 38% con respecto ao 2006. Esta empresa, na que traballan 105 persoas, mobilizou 86,7 millóns de litros de leite en 2007.

As perspectivas para este ano tampouco son malas. Lence confirmou que a empresa espera pechar o exercicio cun incremento na facturación do 15%. De feito, a 30 de xuño, a cifra de vendas ía un 16% por riba da do 2007.

Comentarios