Un licor café, galego e con etiqueta por favor

Apertura de potes y limpieza en la destilería de Abadía da Cova (Adegas Moure)
photo_camera Apertura de potes y limpieza en la destilería de Abadía da Cova (Adegas Moure)

O CR dos destilados galegos constituíuse en 1993 e o seu presidente Evaristo Rodríguez, explicou a GG que entre as súas actividades está a promoción das bebidas elaboradas por adegas e destilerías a partir do bagazo ou bullo obtido na elaboración dos viños galegos. Están amparados as augardentes e licores obtidos en calquera das zonas vitícolas tradicionais en Galicia, tanto das cinco denominacións de orixe (Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra) como doutras zonas tradicionalmente produtoras de viño como Betanzos, Ulla, Val do Miño, Ourense e Portomarín, entre outros.

Máis de nove millóns de litros de destilados "sen papeis"

As augardentes e licores galegos son os buscados no mercado de destilados de toda España que vende cada ano más de nove millóns de litros pero durante o ano 2010 só 424.501 botellas levaban a contraetiqueta do consello regulador, é dicir, 288.255 litros dos diferentes destilados amparados.

Evaristo Rodríguez considera importante que o consumidor coñeza as características desta bebida para poder exercer, no momento da súa compra, unha elección rigorosa.

"Nin sequera queremos potenciar que só se compren os destilados coa etiqueta do consello regulador, senón calquera que leve etiqueta da empresa elaboradora, pois o 70 por cento de todos os que se venden non levan identificación de ningún tipo e faise pasar por caseiro e galego".

A cooperativa Vitivinícola do Ribeiro elabora co bagazo dos seus viños, varios tipos de destilados e, segundo explicou o seu xerente Argimiro Levoso, as augardentes e licores ofrecidos como "caseiros" non son talles pois apenas quedan media ducia de artesáns deste oficio en toda Galicia.

Eses artesáns son os encargados da elaboración de destilados nas empresas galegas e as familias que manteñen unha pequena elaboración doméstica destas bebidas "non as venden senón que as regalan a amigos e coñecidos, pero nunca chegan aos puntos de venda".

Nese sentido, o presidente do CR sinalou que este proceso de fraude "masiva" é semellante ao que viviu o viño hai dúas décadas "pero se conseguiu que os cidadáns rexeitasen os viños sen control nin identificación de orixe, e agora o avance social sería conseguir o mesmo no mundo dos destilados".

Explicou que nestes tempos non existe ningún risco sanitario no consumo de bebidas de destilación pero a fraude existe "pois incluso hai locais que fan unha primeira compra de licor ou augardente de marca galega cunha botella de deseño especial e logo aprovéitana para seguir ofrecendo no seu interior outras bebidas de non se sabe onde", agregou.

Destilados galegos con denominación de orixe

O CR regula as únicas bebidas catalogadas como "espirituosas" en España, situadas na mesma categoría que as "grappas" italianas, as "bagaçeiras" de Portugal, os "tsipouros" de Grecia e os "marcs" de Francia.

A produción anual estimada en Galicia é de algo máis dun millón de litros dos que a cuarta parte conta coa certificación da DO tras os controis estipulados pola súa regulamentación.

A obtención dos destilados é de baixo rendemento pois duns quilogramos de uvas pódese obter, por exemplo, case unha botella de viño pero tan só medio "chupito" de augardente, tras a correspondente destilación do bagazo.

No caso da augardente de herbas, á destilación séguelle unha maceración con regaliz, orégano, romeu, tomiño, cilantro, manzanilla, anís, e outras plantas, todas elas incluídas no regulamento. Para o augardente envellecido é preciso o paso por barrica durante meses.

Os licores teñen menos gradación alcohólica que os bagazos ou augardentes e dúas deles están amparados tamén polo consello regulador galego por tratarse de produtos elaborados de forma tradicional como se reflectirá nun estudo iniciado xa por un grupo de historiadores por encargo da DO.

Para gustos hai licores

Segundo os datos do consello regulador, a repartición dos 288.255 litros de destilados certificados foi de 138.236 litros para aguaridente branco, 106.544 litros para licores de herbas e 38.475 litros para licor café.

Segundo o presidente, as augardentes consómense por igual en toda Galicia salvo o tostado propio das Rías Baixas, mentres que o licor café é o preferido na provincia de Ourense e no sur da de Lugo. Tamén se sabe que o licor de guindas, non amparado pola DO, consómese preferentemente na zona de Ferrol.

"En atención a estes gustos e para ampliar o mercado, sobre todo ás novas xeracións, o regulamento terá algunha modificación que permita incluír licores máis variados", agregou Evaristo Rodríguez.

Outros destilados, non amparados polo consello regulador pero elaborados polas mesmas empresas son as cremas como a de bagazo e de licor café, licor de mel e máis

O futuro do sector está en mellorar a información

O consello regulador prepara varias actuacións para promocionar os destilados galegos apoiándose, entre outros, nun informe sobre a insdustria europea de bebidas "espirituosas" (elaborado por Ernst&Young) no que se destaca o potencial deste sector cuxas vendas europeas foron de 58 mil millóns de euros en 2009 e xerou 900.000 empregos ademais do valor engadido que supoñen os impostos xerados polas súas vendas.

Segundo Rodríguez, o sector galego ten un futuro en alza pois xa se traballa na súa modernización e conta co sustento da calidade dun produto singular moi apreciado en toda España pola súa orixe e garantía de calidade.

Galicia conta neste momento con 31 empresas destileras, a maior parte delas adegas produtoras de viño e bagazo. Con nomes de identidade tradicional galega como "Cunqueiro", "Doa", "Lúa", "Laxas", "Breogán", "Mosteiro de Xagoaza", "Devanceiros", "Augadomiño", "Castro Baroña" e outros, as empresas comercializan 88 marcas de augardente branco, 8 de augardente envellecido, 6 de augardente de herbas, 34 de licor café e outras 39 de licor de herbas.

A imaxe corporativa do consello regulador cambiou en 2010 e estableceuse un código de cor diferente para cada tipo de destilado coa lema común dos "únicos con espírito galego"

Comentarios