Os mellores produtos galegos, na rede

Hai agora un ano,tres amigos santiagueses planearon, mentres comían nun restaurante madrileño, abrir unha empresa capaz de ofrecer en calquera punto de España os mellores produtos da rica e variada gastronomía galega. Analizada a situación, chegaron á conclusión de que a fórmula máis viable era pór unha tenda por Internet, sempre aberta, e que o problema do envío solucionáseo unha empresa de transportes.

Foi así como naceu Galicatessen, unha sociedade limitada que desde finais do pasado mes de xaneiro ten en marcha unha campaña de promoción á que segue agora a saída ao mercado. A empresa ten a súa sede en Santiago e "vende, exclusivamente, produto galego", segundo recalca o director comercial de Galicatessen, Juan Capeáns, quen explica ademais que se traballa acorde cos tempos, "con pouco stock", e unha "mediación moi rápida" cos distribuidores de todos os produtos que se ofrecen.

O traballo, polo tanto, céntrase fundamentalmente no día a día, mentres non existe practicamente o labor de almacén, nin tampouco é Galicatessen unha distribuidora. Trátase dunha actividade ao detalle, na que se busca a maior axilidade para cada pedido, cun contacto estreito cos provedores, con obxecto de que sirvan produtos coa mellor calidade e no menor tempo posible.

á calidade do que se oferta e á rapidez da distribución, a empresa santiaguesa engade uns produtos que están avalados por profesionais do mundo da gastronomía e que contan tamén co respaldo dos propios consellos reguladores -informando de todo o amparado polas súas denominacións de orixe- .

Pero hai outras propostas que pola súa manufacturación -son totalmente artesanais- e polo seu sabor, entende a firma comercial que teñen que estar entre os seus produtos. Así, por exemplo, a selección de Galicatessen abarca, no caso dos queixos, as catro Denominacións de Orixe galegas, aínda que se inclúen dúas máis: o queixo de cabra da zona do Xurés, exquisito e posiblemente o máis artesanal da comunidade autónoma, e o requesón das Neves, típico da localidade pontevedresa do mesmo nome e que presenta un sabor suave e semidulce.

Produtos

Viños, queixos, conservas, algas, doces, licores e bagazos, legumes, verduras e carnes resumen, aínda que non esgotan, os produtos da despensa galega dispoñibles en Galicatessen que, salvo casos excepcionais, chegan nun prazo máximo de 48 horas aos clientes.

Inicialmente, o campo de operacións da empresa galega na rede é o mercado español. A firma empezou a servir tamén os seus produtos nalgúns puntos do estranxeiro, aínda que se trata neste caso "de clientes referenciados por xente en España", aclara Juan Capeáns, xa que "foi xente que veu a nós", engade.

Isto permitiulles realizan envíos a Francia, Reino Unido e Estados Unidos. Comercialmente, falando, o obxectivo inmediato da empresa, co Xacobeo ao virar a esquina, será potenciar o mercado español, para comezar a pensar, tras o verán do 2010, nun plan de internacionalización.

Prezo e calidade

Galicatessen ofrece uns prezos "moito máis competitivos que os da tenda de barrio tradicional", apunta o director comercial da empresa, xa que nestes últimos lugares son, en principio, os únicos en que se poden atopar todos ou algúns dos produtos que se ofertan a través de Internet.

Se hai algo que encareza o servizo, aínda que "minimamente", é o transporte, que se ve claramente compensado polo bo prezo ao que se ofrece o produto. Cando o cliente está fóra de Galicia, o transporte pode encarecer algo o envío, "pero podemos estar a falar de tres euros á comunidade autónoma, cinco ao norte de España ou oito ao Mediterráneo", aclara Capeáns. Polo tanto, trátase dun custo que non resulta prohibitivo, porque os produtos están a mellor prezo que nas tendas convencionais e a iso únese a rapidez da distibución

a domicilio. Ademais, ata cinco quilogramos, a empresa de transporte cobra o mesmo, polo que non importa o número de pezas ou produtos se ese peso non se excede. E iso cun custo que se sitúa para as zonas máis afastadas ao redor dos oito euros.

O produto fornecido por Galicatessen, é na súa maioría, non perecedoiro, aínda que os queixos teñen un período preferente de consumo. A empresa pensa tamén na agricultura ecolóxica, aínda que non dará o paso "ata que exista a fiabilidade plena de que os produtos van chegar en perfectas condicións", afirma Juan Capeáns. Outro obxectivo, a piques de porse en marcha, é a venda de marisco fresco a calquera Punto da Península e de Baleares.

Percepción exterior

"A demanda de produtos galegos é altísima e a calidade coa que nos perciben tamén", asegura Capeáns, para quen resulta fundamental poder cubir ese oco, cun servizo e unha calidade "nas máis altas cotas".

A empresa ofrece actualmente na súa cesta de Internet preto de 200 produtos, algúns "soprendentes" para o gran público,que pode achegarse sen saír de casa a aromas e sabores das últimas vacacións con só teclear www.galicatessen.es

Comentarios