Os socios de Condes de Albarei toman posesión do Pazo Baión

Los socios de la cooperativa, en el recinto del Pazo Baión (Foto: Condes de Albarei)
photo_camera Los socios de la cooperativa, en el recinto del Pazo Baión (Foto: Condes de Albarei)

Adega Condes de Albarei Sociedade Cooperativa Galega celebrou onte mércores a compra do Pazo de Baión, no municipio pontevedrés de Vilanova de Arousa, propiedade adquirida ao Ministerio de Sanidade por 15 millóns de euros.

O presidente da Cooperativa, Guillermo Rodríguez Lema, e a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Carmen Moya, estamparon as súas rúbricas na escritura de compra do Pazo de Baión. A partir de entón, as 30 hectáreas da leira, 22 delas viñedos de uva albariño, pasaron a mans das máis de catrocentas familias que integran Condes de Albarei.

O acto da toma de posesión tivo lugar ás oito da tarde no mesmo Pazo; a el asistiron máis de catrocentas persoas, que puideron gozar dun catering acompañado, como non, por un Albariño Condes de Albarei da última colleita, 2007. Tamén estivo presente o conselleiro do Medio Rural da Xunta, Alfredo Suárez Canal.

Proxecto ambicioso
Condes de Albarei inicia así un proxecto moi ambicioso a través do cal pretende rendibilizar o forte investimento que supuxo a adquisición do Pazo de Baión. O obxectivo da empresa non é outro que converterse nunha das adegas de referencia enoturística a nivel mundial. A rehabilitación das instalacións comezará en breve para conseguir que o 2010, Ano Xacobeo, supoña o lanzamento do proxecto e que o Pazo de Baión comece a recibir os máis de 50.000 visitantes ao ano que se estiman.

O proxecto, ademais da construción dun pequeno hotel e a habilitación dun espazo para a realización de convencións, inclúe a elaboración dun viño de alta gama. Condes de Albarei aproveitará así as 22 hectáreas de cepas vellas de albariño que alberga a leira. Será un caldo cunha produción ao redor das 160.000 botellas e que se vendería case exclusivamente na propiedade.

Comentarios