Os viños de Monterrei e o queixo do Cebreiro cataranse en 'Santiago Repetirás'

quesos_cata_dentro.jpg
photo_camera quesos_cata_dentro.jpg

O programa 'Santiago Repetirás' pon en marcha as actividades de marzo o vindeiro sábado, cunha cata con maridaxe de produtos galegos e un taller gastronómico infantil. A Denominación de Orixe Monterrei e o queixo do Cebreiro son nesta ocasión os produtos seleccionados.

Os participantes na cata, guiada por un catador e un experto en queixos, poderán aprender sobre as particularidades dos caldos de Monterrei e a súa combinación co queixo do Cebreiro, fresco, de pasta branca e granulosa, elaborado con leite de vaca e dunhas características que o converten nun produto selecto.

40 participantes
O encontro, ao que xa confirmaron a súa asistencia 40 participantes, dará comezo ás seis da tarde e celebrarase no santiagués Parador dos Reis Católicos. A inscrición é de cinco euros.

Na mesma convocatoria, nenos e nenas de seis a 12 anos poderán iniciarse tamén na gastronomía, cociñando tosta de queixo e espeto de froitas nun novo taller gastronómico infantil.

Os máis pequenos introduciranse nas artes culinarias guiados por tres monitores especializados, aprendendo a importancia de manter hábitos de alimentación saudable. Neste caso hai dispoñibles trinta prazas, cunha inscrición igualmente de cinco euros por participante.

Un atractivo máis
O programa 'Santiago Repetirás' responde a unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Santiago, con obxecto de converter a gastronomía galega nun dos atractivos da cidade.

Xunto coa proposta 'Santiago Repetirás', 35 establecementos hostaleiros composteláns están adheridos ao programa 'Menús e Tapas da Cociña de Inverno', prestando atención especial á cociña de culler, como cocidos, caldos ou potaxes.

Na Oficina de Turismo de Santiago ou nos propios bares e restaurantes, quen o desexe poderá solicitar unha guía gastronómica cunha relación tanto dos establecementos que participan como da súa oferta culinaria.

Comentarios