Lugo crea un portal web para a compra de produtos autóctonos on-line

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves dúas novas liñas de actuación incluídas no programa europeo Lug02  destinadas a mellorar a comercialización e a calidade dos produtos autóctonos das Reservas da Biosfera –Terras do Miño, Eo-Oscos-Terras de Burón e Ancares- e da comarca do Courel, a través da I+D+I. Gómez Besteiro destacou que ''innovamos e creamos unha ferramenta que pretende ser un espazo común no que figurarán gran cantidade e variedade de produtos autóctonos baixo a marca de Lugo Sabe. En definitiva, Besteiro asegura que o que buscan é ''revalorizar o produto agroalimentario a tráves dun programa integrado e favorecer que as empresas sexan máis competitivas''.

A primeira das iniciativas contempla a creación dunha canle de comercialización a través dun portal web no que se exporán os produtos das Reservas e do Courel. Esta vía comercializadora crearase a través da páxina web de Lug02. O titular provincial subliñou que ''tamén será un espazo onde as cooperativas de agricultura ecolóxica recibirán asesoramento e poderán intercambiar experiencias sobre a comercialización dos seus produtos''.

Os produtores poderán xestionar os seus alimentos para posteriormente polos á venda nunha tenda on-line, creándose así unha central de comercialización que permitirá aos produtores chegar con facilidade aos seus clientes, evitando intermediarios na cadea de distribución e, polo tanto, mellorando e aumentando as posibilidades do seu negocio. Ao mesmo tempo darase a coñecer os produtos autóctonos das Reservas entre os produtores e empresarios galegos e nacionais.

Mellora da calidade
O segundo prego que se aprobará está destinado a mellorar a calidade dalgún produto alimentario. Esta mellora vai desde a hixiene, o empaquetamento, sistema de envasado conservación, elaboración e propiedades na cadea de produción, de tal modo, que tamén se contribúe á súa comercialización e á súa difusión.

As súas dúas iniciativas súmanse a outras que xa puxo en marcha o organismo provincial dentro do programa mediambiental. É o caso do Sistema de Información Xeográfica (SIX), da medida destinada a axudar aos gandeiros a rendibilizar os residuos das explotacións ou da creación de Aulas da Natureza. Gómez Besteiro destacou que ''o programa, dotado con 5 millóns de euros, está destinado a pór en valor a riqueza ambiental da provincia e a converter o medio ambiente nunha oportunidade económica''. Besteiro declarou que ''nestes momentos, estamos a executar 3.400.000 euros, é dicir, o 70% do total do proxecto. Acabarémolo a mediados do ano que vén, pero levamos unha liña de traballo moi intensa e moi positiva''.

O titular provincial explicou que no primeiro trimestre de 2010 coñeceranse os resultados das dúas liñas de actuacións.

Comentarios