A Mariña, 'catedrais' para ir descalzos

Aínda que formalmente no mapa comarcal da Xunta A Mariña está divida en tres: oriental, central e occidental, é evidente que a costa de Lugo conforma un único espazo natural, cultural e gastronómico. Iso si, como todo en Galicia, con matices.

Para empezar, unha cousa é a propia rasa litoral e outra o interior. Por outra banda, tampouco son comparables –aínda que teñan cousas en común– dúas das súas localidades turísticas de referencia, ambas na costa: Ribadeo, no leste, facendo fronteira con Asturias, e Viveiro, no oeste, cerca xa da fronteira coa provincia da Coruña.

Á catedral, descalzos
Moi preto de Ribadeo é posible visitar a ‘catedral' cos pés descalzos.


A das Catedrais é unha das praias máis espectaculares do litoral galego, que hai que visitar preferentemente coa marea baixa, para observar en todo o seu esplendor a beleza das rocas con forma de contrafuertes (de aí o nome do areal).

 

A ría de Ribadeo, que fai fronteira entre a costa de Asturias e Galicia, é un espazo de riqueza natural e Zona Especial de Protección de Aves (Zepa).

A vila é a referencia turística da zona, con Parador e numerosas casas de indianos, vinculadas aos emigrantes retornados, entre as que destaca o Pazo dos Moreno.

Cara ao interior, no concello da Pontenova, é curiosa a Ferrería de Bogo, mostra de arqueoloxía protoindustrial cun impresionante mazo, que funciona aínda, para traballar o ferro. Está situada na fraga de Reigadas.

Viveiro, praias e miradoiros
En Viveiro hai que perderse polo seu centro histórico, para percorrer despois os seus arredores, con magníficas praias, cuxa visita se pode combinar coa ascensión ao Monte de San Roque, desde cuxo miradoiro se obtén a mellor panorámica da ría e da propia vila.

Moi preto da localidade está o Eucaliptal de Chavín,  con algúns dos exemplares de maior envergadura de Europa, entre os que destaca o coñecido como ‘O Avó' (ten un perímetro de 7,55 metros e unha altura de máis de 60).

Nas proximidades atópase a fervenza do Pozo da Ferida, unha das máis belas de Galicia.

Se queremos ampliar a excursión podemos internarnos máis aló de Ourol pola Serra do Xistral, que mostra unha paisaxe tipicamente ‘escocesa', con mantos vexetais de turbeiras de case 7.000 anos de antigüidade e alturas que alcanzan os mil metros, nas que se atopa unha das principais concentracións de cabalo galego de monte.

Mondoñedo, episcopal e literaria
E xa que falamos da Mariña interior, sen dúbida a localidade de maior interese turístico nesta contorna é Mondoñedo, sede episcopal e berce de ilustres escritores, entre os que destaca Álvaro Cunqueiro.

Cunqueiro, un dos máis grandes intelectuais galegos do pasado século, foi un extraordinario e orixinal fabulador, gastrónomo de referencia para a cociña da terra e xornalista (chegou a ser director de Faro de Vigo).

En Mondoñedo, sede episcopal desde o século XII e unha das antigas capitais do Reino de Galicia, hai que visitar o casco antigo e a catedral, cun interesante museo.

Nos arredores outro templo que merece ser coñecido é a igrexa románica de San Martiño de Mondoñedo (dentro xa do municipio de Foz), sede eclesiástica dos antigos bretóns en Galicia.


Para os amantes do sendeirismo, resulta recomendable o percorrido ata o Salto do Coro, onde un pode refrescarse no verán. O mellor recordo de Mondoñedo, para os golosos, é a torta que leva o nome da localidade, a base de améndoa e hoxaldre.

Recomendacións


Para comer:

  • Restaurante Foguete. A poucos quilómetros de Ribadeo, pola N-634 en dirección cara a Foz. Cociña caseira, con boa relación calidade-prezo. Teléfono 982 13 10 26. Menos de 30 euros.
  • Restaurante Nito. Situado nunha contorna privilexiada, a praia de Areas, próxima a Viveiro. Como corresponde a unha casa integrada dentro do club de Amigos da Cociña Galega, ofrece unha carta tradicional de calidade, con especial atención aos mariscos e os peixes. Teléfono 982 56 09 87. Entre 40 e 50 euros.
  • Desde Viveiro, se se fai unha excursión cara ao interior, pola Sierra do Xistral, un pode achegarse ata ata Viveiró (concello de Muras), aínda que só sexa para comer nun dos restaurantes máis ‘enxebres' de Galicia, Casa Cándida (tfno. 982 18 81 68). Iso si, non hai carta, cómese o que a un lle serven (guisos, asados, caldo), pero vale a pena. Aprox. 12 euros.

Comentarios