Máis de 20.000 (é)Tapas en Santiago

Algunas de las tapas participantes (Fotos: Santiago (é) Tapas)
photo_camera Algunas de las tapas participantes (Fotos: Santiago (é) Tapas)

Composteláns e turistas consumiron máis de 20.000 tapas nos 45 establecementos participantes no I Santiago(é)Tapas, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Manuel Iglesias.

O consumo tivo lugar entre o 28 de xuño e o 13 de xullo, datas de celebración do I Concurso de Tapas que se organiza en Santiago de Compostela. Nas dúas semanas recolléronse máis de 6.000 Tapasportes na oficina do concurso, situada na Praza de Galicia, nos establecementos participantes e na oficina de Turismo de Santiago.

Ademais, entregáronse 157 premios directos por completar unha ou varias (é)Tapas, consistentes en botellas de viño e cursos de cata, cheques regalo de 10 euros, camisetas, guías gastronómicas e Walking Tours de Turismo de Santiago. Os gañadores dos premios foron persoas de Santiago, pero tamén visitantes do resto de Galicia, do conxunto de España e de países europeos como Francia, Inglaterra, Alemaña ou Finlandia.

Ademais do consumo directo xerado nos 45 establecementos participantes, o concurso posibilitou pór en valor gastronómico diferentes zonas de Santiago, grazas ao Tapasporte, unha ferramenta que dividiu a cidade en cinco Rutas ou (é)Tapas: Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes, Praza de Galicia, Praza Roxa e Camiño Francés. Deste xeito moitos composteláns, debido a que tiñan que selar o seu Tapasporte para completar as rutas, acudiron a establecementos que descoñecían ou aos que non foran nunca. Tamén os turistas percorreron diferentes zonas da capital galega, máis aló da Cidade Histórica. Así, fomentouse a diversificación de zonas gastronómicas tanto para as persoas que viven en Santiago como para as que visitan a cidade.

Gala
Santiago(é)Tapas termina hoxe mércores, cunha Gala de entrega de premios que terá lugar esta tarde no Hotel AC Palacio do Carmen. Os nomes das tapas e establecementos galardoados daranse a coñecer no transcurso da gala, na que ademais se coñecerá á persoa que recibirá como premio unha viaxe para dúas persoas con Air Berlín a calquera destino europeo por votar no concurso, e o nome das cinco persoas que recibirán unha pantalla LCD por completar a súa Tapasporte.

Na Gala revelarase o premio á Mellor Tapa 08. O vencedor recibirá 1.000 euros, un diploma e unha campaña de publicidade gratuíta en medios locais. Tamén se darán a coñecer as elixidas polo xurado como Mellor Tapa Tradicional, Mellor Tapa Creativa, Tapa Galicia Calidade e a Tapa Estrela Galicia, ademais do Premio do Público á tapa máis votada. En total repartiranse máis de 4.000 euros en premios entre os galardoados. A continuación celebrarase o sorteo entre os 45 establecementos participantes en Santiago(é)Tapas dunha viaxe para dúas persoas ao Fórum Gastronómico de Xirona 09.

Comentarios