Máis de 60 marcas competirán por ser o mellor Rías Baixas-Albariño 2007

Expositor promocional de la D.O. Rías Baixas (Foto: AGN)
photo_camera Expositor promocional de la D.O. Rías Baixas (Foto: AGN)

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas ultima os preparativos para a celebración, do 30 de xullo ao 3 de agosto, da LVI edición da Festa do Albariño de Cambados 2007, na que 64 marcas pertencentes ás 43 adegas inscritas competirán por que algún dos seus viños resulte o mellor. Como novidade, este ano haberá dúas adegas do Condado do Tea e unha da Ribeira do Ulla.

O prazo de inscrición para participar na XX Edición Cata-Concurso Rías Baixas-Albariño concluíu a pasada semana e foi a partir de entón cando o Consello Regulador comezou coa recollida de mostras.

Só tres marcas alcanzarán un dos prestixiosos premios, que as situará entre as mellores Rías Baixas-Albariño de 2007, unha colleita cualificada como excelente.

Para iso, o Consello Regulador do D.O. contará cun panel de cata integrado por 20 expertos, pertencentes ao panel de cata interno e a un externo realizado para a ocasión.

Entre os catadores externos atópanse, entre outros, Paz Ivison, colabordora de varias publicacións, entre elas Yo, Dona; Andrés Proensa, da Guía de viños Proensa e Planeta Vino; Cristina Rodríguez Alcalá, sumiller; Juan Gómez Benítez, presidente da Asociación de Enólogos de España; Fernando Gurrucharri, presidente da Unión Española de Catadores; Jesús Gutiérrez Blanco, director técnico do concurso Nariz de Ouro; Ceferino Cimadevila, presidente da Asociación de Catadoras de Asturias; E José Peñín, da Guía Peñín.

Cata

A Cata Concurso Rías Baixas-Albariño celebrarase durante o sábado día 2 e o domingo día 3 de agosto, no salón de actos do Parador de Cambados.

O primeiro día terá lugar a cata Selección, na que o panel de vinte catadores dividirase en dous para puntuar aos 64 viños participantes.

Os doce que obteñan a mellor puntuación pasarán á Cata Derradeira, que será ao día seguinte. Dela sairán os tres viños premiados.

Comentarios