Menús completos a 25 euros no turismo rural galego

Cartel de la promoción (Foto: Turgalicia)
photo_camera Cartel de la promoción (Foto: Turgalicia)

A partir do próximo 15 de setembro e ata o mesmo día do mes de decembro será posible degustar menús completos (entrantes, primeiros, segundos, sobremesas, café e bebida) a un prezo de 25 euros por persoa en máis de 70 establecementos de turismo rural de Galicia. Esta promoción enmárcase no programa ‘Outono gastronómico', que organiza, por segundo ano consecutivo, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia), da Dirección Xeral de Turismo, en colaboración coas asociacións galegas de Turismo Rural.

Obxectivo, a desestacionalización
Segundo Turgalicia, tras os bos resultados da iniciativa posta en marcha o pasado ano, baseada no aproveitamento da excelente oferta gastronómica dos aloxamentos deste subsector turístico, o segundo “Outono gastronómico” pretende contribuír á desestacionalización do Turismo Rural galego, que concentra basicamente a súa actividade nos períodos estivais, na Semana Santa e no Nadal.

Cada un dos establecementos rurais que participan nesta promoción especial ofrece un “Menú Outono gastronómico”, exclusivamente concibido para esta ocasión, que inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños ou outras bebidas polo prezo global de 25 euros por persoa (IVE incluído).

Así mesmo, existe a posibilidade de adquirir o “Paquete Outono gastronómico”, que permite degustar o menú e pasar a noite na casa de Turismo Rural elixida. O paquete para dúas persoas consiste en dous menús, unha noite en habitación dobre e dous almorzos por 100 euros (IVE incluído). A mesma oferta para unha persoa custa 60 euros.

A campaña constitúe, segundo Turgalicia, unha boa oportunidade para achegarse a espazos naturais de Galicia e coñecer o patrimonio natural e cultural da Comunidade, así como a singular oferta turística galega en espazos rurais, composta por pazos, casas grandes, casas reitorais, casas de aldea e casas de labranza.

Toda a información sobre este programa está recollida na páxina web de Turgalicia,
www.turgalicia.es.

Comentarios