A carne de año autóctono galego preséntase en sociedade

O acto simbólico de presentación en sociedade, como calquera outra "posta de longo", produciuse en hotel "con encanto", neste caso no de Allariz, ás beiras do río Arnoia, e en presenza de representantes institucionais, criadores de "ovella galega", veterinarios, investigadores do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) e do Centro de Recursos Zooxenéticos de Fontefiz, e medios de comunicación.

Entre o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento José Manuel Rodríguez, expuseron os últimos datos que indican que desde unha poboación de 300 "ovellas galegas" en toda Galicia, censada en 1999, hoxe son 2.500 exemplares que crían 1.500 años repartidos en rabaños de 90 gandeiros de toda Galicia.

"Ovella galega" baixo o microscopio

Mentres os gandeiros se implican no crecemento desta poboación que aínda está en risco de extinguirse, os investigadores estudan e melloran as súas características tanto xenéticas como organolépticas, é dicir, o seu sabor, cheiro e textura, entre outras.

Así, o xerente do CTC Miguel Fernández, explicou a GG que desde 2008 se estuda a carne de años de 45, 60 e 90 días para determinar as súas características e o mellor momento para o seu despezamento e consumo.

"A finalidade é determinar ben esas características para que sexan unha referencia para a futura marca de calidade que se pretende para a súa carne", agregou.

Nese sentido, explicou que xa se sabe que a carne do año autóctono ten un alto contido en minerais como o zinc, cobre e fósforo, proteínas de alta calidade, tenrura, carne pouco graxa e graxa de calidade pois contén unha alta porcentaxe de ácidos grasos insaturados.

Onde comer año autóctono

Por agora, só os afortunados veciños dos criadores de ovella "galega", no Macizo Central ourensán, nas alturas de Lugo e moitos menos na Coruña e Pontevedra, poderán probar e comprobar as excelencias desta carne pois aínda non hai produción suficiente nin marca de calidade para a súa comercialización.

A secretaria técnica de Asovega, Silvia Adán Belmonte, explicou que co control do programa de conservación que exerce o Centro de Fontefiz e a implicación dos gandeiros "en tres anos poderiamos estar no mercado con esta carne á que ten moito que envexar a que consumimos agora de forma habitual", indicou.

Ata que ese momento chegue, os que queiran probar esta carne deberán localizar aos gandeiros que crían os años autóctonos que son 40 na provincia de Ourense -entre eles o propietario do maior rabaño de Galicia que está en Castro Escuadro (Maceda)-, 30 na de Lugo, 15 na Coruña e outros cinco en Pontevedra.

Tamén o probaron en 19 preparacións diferentes, os asistentes á presentación de hoxe aos que Flavio Morganti ofreceulles, entre outros, croquetas e albóndigas de año autóctono, carne en fritura, fígado encebollado, riles á borgoñesa, costela asada ou unha mostra de cocido de año baixo o nome de celtic "stuew".

Comentarios