Un 'polbo' de Guiness

guiness1.jpg
photo_camera guiness1.jpg

A praza maior do Carballiño foi o espazo escollido para bater a marca Guiness ante a mirada de centos de curiosos e do notario local que tomou a medida do prato de 2,20 metros cando estaba baleiro e volveu medilo cando xa estaba cheo de polbo.

O prato xigante

O carpinteiro e ebanista artesán Miguel Ángel González explicou a GG que hai quince días recibiu no seu taller de Maside -municipio veciño do Carballiño- o encargo dun prato de madeira, como os tradicionais nos que se serve o polbo, con medidas especiais pois debía ter 2,20 metros de diámetro.

"Para min foi un reto xa que habitualmente non me dedico a isto senón aos mobles, igual que o meu pai, pero me decidín e conseguín máis de 30 táboas de madeira de piñeiro do Irixo, con cinco centímetros de espesor e ben secas".

Tras unir as táboas, o carpinteiro baleirou a man a parte superior do enorme prato, para deixar un bordo máis alto que o resto da superficie que permitiría engadir o aceite ao polbo sen que se derramase por fora.

Así se bate unha marca Guiness

Pouco antes das 20:00 horas do día 3 de agosto, e ante a mirada dun notario e centos de curiosos, seis "pulpeiros" da empresa "Xantares", naturais do pobo de Arcos (O Carballiño) colocaron o gran prato en horizontal sobre uns cabaletes e sobre el espallaron case a totalidade dos 120 quilogramos de polbo que xa tiñan cocido.

En quince minutos a operación de cubrir todo o prato quedou terminada e completouse con parte de 5 quilogramos de sal, 18 litros de aceite, un quilogramo de pemento doce mesturado con picante e ducias de escarvadentes utilizados para comer as rodas do polbo á feira, ao modo tradicional.

O notario volveu medir o prato, pousou con pulpeiros, carpinteiro e autoridades locais para os medios de comunicación chegados de toda España, e levantou acta do ocorrido.

Nese momento comezou a repartición do polbo cortado entre todos os asistentes que tiñan un prato de tamaño normal -uns 15 centímetros de diámetro- cunha frase alusiva á marca Guiness recentemente batida.

Xa se prepara o Museo do Polbo

O alcalde do Carballiño, Carlos Montes, explicou a GG que a Festa do Polbo que celebrará na vila a súa 48 edición o domingo día 8 de agosto, está moi agradecido ao polbo alemán Paul -o das predicións relacionadas co campionato mundial de fútbol 2010, gañado pola selección de España-.

"Grazas ao impulso que ese polbo deu sen querer á nosa festa, o domingo teremos aquí unha delegación da cidade de Oberhausen, en cuxo aucario vive, e xa pensamos en adicar ao cefalópodo que nos representa desde hai séculos, un museo que esperamos impulsen os veciños de Arcos, pois ese pobo é a orixe da maior parte das persoas especializadas no polbo á feira".

No pobo de Arcos, moi próximo ao Carballiño, todas as familias teñen algún pulpeiro ou pulpeira en casa e xa están a localizar aveños do seu oficio para o futuro museo, entre eles un caldeiro de cobre de máis de cen anos.

Segue a festa

O parque municipal do Carballiño acollerá o domingo día 8 de agosto a máis de 50.000 persoas, entre elas unha delegación alemá de Oberhausen, que gozarán ao sol ou baixo a sombra das numerosas árbores, unha comida ao aire libre acompañados por numerosas peñas, medio centenar de polbeiras e grupos musicais para amenizar o día.

Na vila organizouse ademais a primeira ruta de tapas con polbo ata o día 6, un concerto nocturno antes do fin de semana e unha cea para as peñas e grupos de amigos da festa do polbo, que este ano contou cun interese especial doutras partes do mundo grazas ao protagonismo do seu conxénere alemán Paul.

Comentarios