O Porriño organiza a Festa dos Callos

O Concello do Porriño celebrará este fin de semana a XVI Festa dos Callos, actividade gastronómica na que está previsto que se sirvan un total de 15.000 racións deste prato preparadas polo Grupo Coren. Esta actividade, que se enmarca na programación das Festas do Cristo, desenvolverase na Praza de San Sebastián.

O sábado, a degustación estará dirixida fundamentalmente a nenos e persoas da terceira idade e xa na xornada dominical desenvolverase a festa dirixida ao público en xeral.

Segundo informaron fontes do Concello, a través dunha nota de prensa, os prezos de cada ración serán de seis euros, o que inclúe o pago dos callos, o viño, o pan, un prato conmemorativo e unha cunca de viño.

De forma paralela á festa gastronómica propiamente dita, o Concello porriñés organizará numerosas actividades de tipo festivo e folclórico, para animar a xornada.

Comentarios