O Rosal xa ten a súa propia ruta do Viño rías Baixas

Seis adegas, catro restaurantes, un aloxamento, unha enoteca, un museo e unha destilería participarán, inicialmente, na Primeira Ruta de Viño Rías Baixas, da zona do Rosal, presentada este luns.

Durante a presentación da nova ruta, en cuxa organización colabora Caixanova, o presidente do Consello Regulador Rías Baixas, José Ramón Meiriño, mostrou a esperanza de que a nova iniciativa atope unha resposta moi positiva entre os turistas, xa que está convencido de que o enoturismo está cada día máis de moda.

Nese sentido manifestou que aínda que este fenómeno turístico está a comezar no noso país, existen experiencias, como a da Rioxa, na que xa representa o 15% das vendas de viño.

Este será o quinto itinerario da Ruta do Viño Rías Baixas, xa que catro delas levan funcionando desde 1996 na zona do Salnés.

Quinta ruta
En total, a nova ruta ten unha lonxitude de 34 quilómetros de longo, e as persoas que desexen participar nela poden cubrir o tramo total ou unha parte do mesmo. Son 6 adegas, 4 restaurantes, 2 tendas especializadas, unha vinoteca, unha destilería, un aloxamento e un museo os implicados neste itinerario, que fará un percorrido por varios caldos da zona, desde as Rías Baixas Rosal, pasando polo albariño, ata os tintos e elaboracións especiais.

A Ruta do Viño Rías Baixas foi certificada coa Marca de Calidade Ruta do Viño de España en abril de 2005, e comprendía ata o momento catro itinerarios nos que se visitan varios servizos enoturísticos, no marco de paraxes de ampla tradición vitivinícola e turística.

Todos eles partían da localidade pontevedresa de Cambados e percorrían as cinco subzonas que abacan a Denominación de Orixe Rías Baixas -o Val do Salnés, Condado de Tea, Soutomaior, O Rosal e Ribeira do Ulla- ata os concellos de Vilagarcía, Ribadumia, O Grove e Sanxenxo.

Diversos atractivos turísticos

Ademais das paisaxes de viñedos e outros atractivos naturais, a Ruta inclúe un percorrido polo patrimonio cultural e histórico da zona, como os muíños de Rande, Batán e Armenteira; ou a Casa-Museo de Ramón do Valle Inclán. Tamén entran no programa un abano de festas gastronómicas como a Festa do Albariño ou a Festa do Marisco.

Ata o momento, os catro itinerarios funcionaron moi ben para fomentar o turismo na zona do Salnés, polo que Meiriño confía en obter un resultado similar na zona do Rosal.

Comentarios