Para 'Comer de cine', a Lugo

O cine está cheo de secuencias gastronómicas. En moitas películas, os personaxes comen e beben, en bastantes, incluso cociñan. En filmes como 'Tapas' ou 'Como auga para chocolate' a comida comparte repartición co resto de actores e actrices provocando que o espectador saia do cine coa boca feita auga.

Coa intención de dar acollida a estas dúas paixóns nace en Lugo 'Focos e Fogóns' unha xornada organizada pola fundación TIC que se desenvolveu o pasado luns e que se complementa o xoves coa terceira edición de 'Comer de cine'. Ambas as iniciativas comparten unha programación integrada por pases audiovisuais, menús baseados en filmes e debates sobre a arte de mirar e a arte de comer.

Este xoves 3 de xuño os actores Víctor Fábregas (Tucho, no dúo 'Os Tonechos') e Federico Pérez (Josito en 'Pai Casares') acudirán ao IES Sanxillao para compartir cine e comida cos asistentes.

O punto de partida da xornada será un encontro con Vicenç Asensio Rovira, director dun documental sobre o restaurante de Ferrán Adriá. 'Un día no Bulli' proxectarase ás 11:00 nos cines do centro.

Para as 17:00 horas está programado un debate ao redor das claves do éxito da combinación entre cociña e contidos audiovisuais no propio Sanxillao. Os participantes serán o propio Asensio, Manuel Gago (blogue Capítulo 0), e tamén Benigno Campos e Xosé Cermeño, do programa 'Larpeiros' da TVG. Ademais, hai previsión dunha conexión co espazo 'España directo', que emite A Primeira.

Europa
O promotor de 'Comer de Cine', o profesor do IES Sanxillao Juan Marey, comentou que esta terceira edición está dedicada ao cine realizado en Europa, logo de dúas edicións consagradas ás películas en xeral e ás producidas no continente americano. Esta vez, o título das xornadas é 'Comer de Cine III. Europa, Europa!!'. Segundo informou Marey, este ano os alumnos da Escola de Hostalería prepararán ata o xoves doce pratos nun menú degustación relacionado con outros tantos filmes.

A degustación abrirase cun cóctel Margarita, en honra de 'Frenesí', de Alfred Hitchcock. Outras películas que se verán neste ciclo serán 'Amelie', 'Amarcord', 'Vatel' ou 'Rufufú'.

As xornadas foron presentadas polo presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, quen "constatou o xeito en que a imaxe e o son están a cambiar as nosas vidas" e confesou a súa gastrofilia, en presenza da directora do IES Sanxillao, Ángela Gómez Doval.

Comentarios