Pepe Solla dá unha lección de cociña 'da praza ao prato'

O pontevedrés Pepe Solla, cociñeiro do restaurante Casa Solla en Poio e posuidor dunha Estrela Michelín, despregou as súas artes culinarias nunha nova sesión do taller 'Compro e cociño con...', integrado nas actividades gastronómicas do programa 'Santiago Repetirás' organizado por Turismo de Santiago.

Da praza ao prato
Ao redor de 15 persoas participaron no curso, que comezou cunha visita á Praza de Abastos, onde Pepe Solla ensinou aos seus alumnos a recoñecer e comprar a mellor materia prima que posteriormente cociñarían. 

A continuación, na cociña instalada para esta actividade no Hostal dos Reis Católicos, os asistentes aprenderon xunto ao cociñeiro a preparar un menú de tempada con produtos frescos do día. A xornada terminou cun festín gastronómico.

Son xa 480 as persoas que participaron no programa gastronómico 'Santiago Repetirás', desde o seu comezo en pasado mes de novembro. Ademais de veciños de Santiago e a súa zona de influencia, asistiron persoas de Madrid, Barcelona, Alemaña, Italia, Francia, Bélxica, Brasil ou Estados Unidos.

Comentarios