'Pepe vieira' organiza a primeira poxa galega sobre o culto ao viño

O restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe, que estrea Estrela Michelín, presentará o próximo 13 de decembro en Raxó (Poio, Pontevedra) a primeira subasta que se celebra en Galicia de viños de colección, arte e antigüidades relacionadas co mundo vitivinícola.

Segundo os impulsores deste novo local, os irmáns Xoán e Xosé Cannas, "é moito máis que un restaurante". Será neste espazo, que aúna arquitectura contemporánea con diversas representacións culturais, nas que sobresae a gastronomía e o viño, onde se celebre a poxa.

Viños de calidade a poxa
En total ofreceranse un centenar de lotes cuns prezos de saída que irán desde os 39 ata os 30.000 euros. Viños franceses, alemáns, austríacos, galegos e andaluces, de grandes adegas de referencia, como Domaine Leflaive, Chateau D'YQuen, Cheval Blanc, Meo-Camuzet, entre outras, poderanse atopar nesta mostra que conta ademais cunha selección de viños antigos, de colección e grandes clásicos, como Veiga Sicilia, Viña Tondonia ou Chateau Margaux.

Á súa vez, poxarase a totalidade da colleita do esperado Goliardo Espadeiro, viño de Rías Baixas elaborado por Rodrigo Méndez e Raúl Pérez con esta variedade autóctona, que foi precedido polos Goliardo Caiño e Loureiro distinguidos con 93 puntos polo gurú do viño norteamericano Robert Parker.

Todas estas botellas foron escollidas polo Nariz de Ouro 2004, Xoán Cannas, xunto con outros catadores de prestixio nacional.

Arte e antigüidades

A subasta complétase cunha selección de obras de arte e antigüidades relacionadas co mundo do viño e da gastronomía. Entre elas destaca unha vaixela de Sargadelos do século XIX (correspondente á terceira etapa de Sargadelos antigo), unha pintura de Francisco Lloréns, unha táboa holandesa do século XVII e obras de autores como Sucasas, Jorge Castelo, María Antonia Dans, Rafael Úbeda ou Abelenda.

Pezas curiosas como un vinoscopio, un pesa taninos antigo, unha pureira con mecanismo giratorio de estilo Napoleón III, e unha colección de descorchadores, un moble bar dos anos 50, un lote de sifones, entre outros, serán poxadas tamén o día 13.

Comentarios