Xornalistas chineses invitados polo Igape coñecen a despensa galega

China se interesa por los productos alimentarios gallegos (Galicia Gastronómica)
photo_camera China se interesa por los productos alimentarios gallegos (Galicia Gastronómica)

Promover o coñecemento e o consumo dos produtos agroalimentarios galegos en China é o obxectivo fundamental da misión inversa, integrada por un grupo de xornalistas chineses especializados no ámbito do turismo e a gastronomía, que visita Galicia esta semana. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) coordina, xunto co Instituo de Comercio Exterior (ICEX), esta misión, que se desenvolve entre o 25 e o 28 de xuño.

A iniciativa está enmarcada dentro do Plan Agroalimentario para China asinado por diferentes comunidades autónomas, o ICEX, a Federación de industrias agroalimentarias (FIAB), o Ministerio de Agricultura e o Consello Superior de Cámaras de Comercio. Entre outros obxectivos, o Plan prevé que representantes dos medios de comunicación chineses coñezan os produtos españois durante os tres anos de duración previstos.

No caso de Galicia, o programa inclúe visitas ás cidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, nas que os xornalistas poderán coñecer diversas empresas e produtos agroalimentarios galegos mediante degustacións en recoñecidos restaurantes. Entre as empresas que visitará esta delegación destacan Pescanova, Augas de Mondariz, Estrella Galicia, Conservas Luís Escurís Batalla, Frigoríficos Oya ou a adega da denominación de orixe Rías Baixas Martín Códax.

Os seis xornalistas que compoñen a expedición son Qiaofeng Jiang, Joseph Gwynne Jones, Se Jing Tao, Peng Gao, Robin Piers Lynam e Wilson Kwok, todos eles en representación de revistas de turismo de alto nivel, estilos de vida ou negocios; publicacións orientadas a un público de poder adquisitivo alto, como son Hong Kong Business, Insider Magazine ou Life Style, entre outras.

Con esta misión, o Igape pretende que os xornalistas chineses coñezan persoalmente o sector alimentario e gastronómico de Galicia, para dar un impulso á promoción dos produtos galegos no país asiático, a través dos medios de comunicación nos que traballan os integrantes do grupo.

O Plan China é un dos instrumentos que incorporou o Igape, pola vía da cooperación interinstitucional, para reforzar o ámbito de acción dos seus programas e servizos de apoio á internacionalización das empresas e dos produtos galegos. Entre outras novidades destacadas, o Igape apoiará este ano a prospección e primeira implantación comercial no estranxeiro, facilitará a concorrencia a licitacións internacionais e primará as iniciativas de carácter colectivo e os mercados de maior crecemento económico, entre os que está China.

A organización de misións tecnolóxicas fóra de Galicia co obxecto de adquirir e/ou transferir tecnoloxía e/ou, no seu caso, coñecementos aplicables á actividade das empresas representadas, é outra das novidades do abanico de apoios á promoción empresarial no exterior.

Apoio en destino
Para favorecer a internacionalización empresarial, o Igape, dependente da Consellería de Economía e Facenda, ofrece un amplo abanico de servizos e axudas en Galicia e facilita apoio directo en destino a través dos seus centros de promoción de negocios (CPNs), asentados en Alemaña, China, Estados Unidos, Polonia e Xapón, así como mediante as súas redes de axentes comerciais mediadores no estranxeiro, por unha banda, e a de bolseiros de promoción exterior, por outra.

O impulso da internacionalización da economía galega a través do apoio á proxección internacional das empresas no exterior e a captación de investimentos constitúe un obxectivo fundamental da política económica do Goberno galego e unha prioridade da estratexia do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Comentarios