Pesca comisou en seis meses case 20 toneladas de produtos do mar

Puesto de pescado y marisco en la Plaza de Abastos de Santiago (Foto: AGN)
photo_camera Puesto de pescado y marisco en la Plaza de Abastos de Santiago (Foto: AGN)

Os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería de Pesca, realizaron un total de 201 actuacións durante os primeiros seis meses do ano e auxiliaron a unha decena de persoas. Das accións realizadas, 108 corresponden ao Pesca 1, con sede no aeroporto vigués de Peinador; mentres que as 93 restantes foron realizadas polo helicóptero Pesca 2, con base en Celeiro (Viveiro-Lugo).

Así mesmo, estes medios aéreos realizaron no primeiro semestre 47 voos de vixilancia pesqueira e 40 operacións de salvamento e rescate; participando ademais en 104 voos de adestramento en conxunto con outras unidades marítimas do servizo e con medios de Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento (Sasemar).

Segundo informan desde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, os axentes do departamento realizaron un total de 9.083 actuacións de inspección pesqueira nas rías galegas, por mor das cales se abriron 1.823 actas de presunta infracción, co correspondente expediente sancionador.

A maioría destas actuacións corresponderon a inspeccións en portos, en establecementos comerciais e supermercados, no mar, na praia e na costa, así como no transporte de recursos pesqueiros, nas lonxas ou nas instalacións de cultivos mariños, entre outras.

Comisos
O balance da actividade inspectora entre xaneiro e xuño do 2008 arroxa o comiso de preto de 20.000 quilogramos de distintas especies pesqueiras e marisqueiras. Os máis abundantes (10,9 toneladas das 19,9 totais) corresponderon a moluscos bivalvos; seguidos de distintos peixes (3,9 toneladas), crustáceos (1,89 toneladas), cefalópodos (1,5 toneladas) e equinodermos.

Tamén foron comisados aparellos e outros bens, como 4.307 nasas e 1.538 aparellos de peirao, aos que se suman 838 unidades doutras artes pesqueiras, 47 de artes de marisqueo, 57 embarcacións e vehículos, 35 aparellos de anzol ou 15 equipos de mergullo.

Desde o departamento que dirixe Carmen Gallego confirmaron tamén que será no próximo mes de setembro cando comece a estar operativo o segundo cadro de persoal do helicóptero Pesca 1, o que permitirá ter unha tripulación dispoñible as 24 horas do día, cun tipo de resposta de 10 minutos en caso de urxencia.

Para activar este reclamado servizo, Pesca está a realizar obras no hangar actual, situado no aeroporto de Vigo, para situar alí un módulo de descanso e varios camarotes; nunha actuación que conta cun orzamento de 100.000 euros.

Terceiro helicóptero

Doutra banda, Pesca tamén ten prevista a adquisición dun terceiro helicóptero que terá a súa base na Costa da Morte, e está en trámites (mediante concurso público) para construír unha nova embarcación duns 13 metros de eslora, que realizará labores de salvamento, inspección pesqueira e loita contra a contaminación.

Comentarios