Pesca 'Faino bonito'

F:GALGASFOTOSGALICIA GASTRONOMICAFAINO BONITOINTERIOR_faino_bonito_web.jpg
photo_camera F:GALGASFOTOSGALICIA GASTRONOMICAFAINO BONITOINTERIOR_faino_bonito_web.jpg

A Consellería de Pesca está a desenvolver unha campaña de promoción para o bonito do norte que ten como lema 'Faino bonito'. Esta actuación suporá actividades promocionais nos mercados galegos, anuncios en prensa e en radio, folletos e carteis dirixidos aos restauradores da nosa comunidade, e unha páxina web (www.fainobonito.com) na que se inclúe un concurso no que se premiarán as mellores receitas ou trucos con este peixe como protagonista.
 
O obxectivo é potenciar o consumo do bonito do norte entre a sociedade galega. Para lograr este fin, daranse a coñecer os beneficios que achega esta especie a diferentes niveis, xa que é un recurso cun elevado valor nutritivo, rico en proteínas e vitaminas A,B,D e K, e que achega tamén minerais como calcio e iodo. 

Trátase ademais dun peixe de tempada e a súa presenza en fresco nos mercados prolongarase ata o mes de setembro, xa que ata esa data mantén o traballo da flota bonitera galega no caladoiro Atlántico norte. 

No marco desta campaña, levan a cabo un conxunto de actividades nos mercados de abastos das principais cidades galegas que xa comezaron o pasado martes 29 de xullo na Praza de Lugo da Coruña e que terminarán o próximo 12 de agosto na praza de Bouzas, en Vigo. 

Os outros destinos nos que se realizará a promoción do bonito son Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo, Monforte, Viveiro, Burela, Pontevedra e Vilagarcía.

Monitores
A través destas accións, para as que se conta coa colaboración de dous monitores, infórmase aos vendedores de peixe e aos consumidores das características e propiedades deste túnido e repártense gorros de 'Faino bonito' entre as pescaderas e dípticos informativos a toda a xente que se atopa facendo a compra no mercado. 

Tamén haberá anuncios en prensa escrita e radio que se iniciaron esta mesma semana, e nos que se pretende resaltar, entre outras cuestións, a excelencia deste peixe azul "san, saboroso e con múltiples posibilidades na cociña" e as diferentes formas nas que se pode degustar "á grella con tomate, ao forno, ou en ensalada". 

Ademais actuarase nos propios restaurantes, para promover a presenza do bonito do norte nas cartas dos establecementos hostaleiros galegos. 

Na páxina web da campaña 'www.fainobonito.com' poderanse atopar receitas de bonito e información pormenorizada desta especie e da forma selectiva e respectuosa coa que se pesca. Todas aquelas persoas interesadas en achegar as súas ideas ou trucos de cociña, nos que este túnido sexa o protagonista, poderán participar nun sorteo dun fin de semana nunha casa de turismo rural de Galicia.

Comentarios