Unha ducia de falecidos nun atentado contra un autobús da garda tunisiana

O Ministerio de Interior confirmou que se trata dun ataque terrorista, atribuído aos xihadistas. Segundo varias testemuñas, foi perpetrado por un suicida que fixo estalar unha bomba na capital do país ► A maior parte dos falecidos son axentes de seguridade ► O Goberno decretou o estado de emerxencia, por segunda vez no que vai de ano ► Margallo descarta a presenza de vítimas españolas

Un total de 12 persoas morreron este martes ao estalar un artefacto ao paso dun autobús da garda presidencial polo centro de Tunisia capital, informaron a Efe varias testemuñas.

Segundo o seu relato, aínda non confirmado por fontes oficiais, trátase dun atentado perpetrado por un suicida que fixo estalar unha bomba cando o autobús pasaba fronte á sede de antigo partido do ditador derrocado, Zinedin el Abedin Ben Ali, na concorrida avenida Mohamed V.

Nun comunicado, o Ministerio de Interior confirmou que se trata dun ataque terrorista, e que entre as vítimas hai un número elevado de mortos e feridos.

Walid Louguini, portavoz do citado ministerio, indicou, pola súa banda á prensa local que hai 12 persoas mortas.

A maior parte das vítimas mortais son axentes da garda presidencial, informou  unha fonte de Seguridade, que non descartou que a cifra poida aumentar nas próximas horas.

Ata o lugar do suceso, que foi xa acordoado, desprazáronse varias ambulancias e decenas de policías que iniciaron as investigacións pertinentes.

ESTADO DE EMERXENCIA. Tunisia decretou o estado de urxencia en todo o país e un toque na capital en resposta ao atentado yihadista, por segunda vez no que vai de ano.

Tunisia foi escenario este ano de dous atentados xihadistas, un en marzo e outro en xuño, que tiñan como obxectivo o turismo e que segaron a vida de 60 visitantes estranxeiros na capital e na cidade costeira de Susa.

No último mes e medio, as forzas de Seguridade tunisianas anunciaron o desmantelamento de máis dunha decena de supostas células xihadistas e detiveron máis de medio centenar de sospeitosos en todo o país.

Ademais, nas últimas semanas puxeran a cidade en estado de alerta e anunciaran que impediran un ataque e procederan a detencións na avenida Habib Bourguiba, outra das principais arterias da capital.

O salafismo radical rebrotou en Tunisia desde que en 2011 a chamada "revolución do Xasmín" derrocase a ditadura do fuxido Ben Ali.

Desde entón, grupos xihadistas asentáronse na rexión de Kasserine, convertida en centro de reunión de radicais de todo o Magreb.

Tunisia é, ademais, o primeiro país do mundo en número de voluntarios que viaxan a loitar xunto ao xihadista Estado Islámico (EI) en Siria, con máis de 5.000 milicianos e colaboradores, dos que preto dun 15 por cento regresou.

SÍN VÍCTIMAS ESPAÑOLAS. O ministro de Asuntos Exteriores y de Cooperación, José Manuel García-Margallo, afirmou que non ten constancia de que haxa españois entre as vítimas ou feridos do atentado.

En declaracións aos medios de comunicación tras unha conferencia na Casa de América, Margallo dixo que este ataque, unido aos que se rexistraron nas últimas semanas no Sinaí, Líbano, París e Malí, demostra que o terrorismo xihadista é un "fenómeno global de alcance planetario".

"Sabe Deus cal é o seguinte", sinalou o ministro , xa que, ao seu xuízo, este fenómeno "non é algo temporal" e "vai durar bastante tempo".

Comentarios