Pontevedra, o 'segredo' mellor gardado

A zona vella de Pontevedra é un dos ‘segredos' mellor gardados de Galicia. A súa maxia e interese posiblemente só sexa superado pola zona monumental de Compostela.

A cidade vella da capital do Lérez é un espazo ideal para o paseo e, se o clima o permite, para sentar a ver pasar o tempo na terraza dalgunha das súas acolledoras prazas, con suxestivos nomes, vinculados á historia e aos oficios da urbe: da Leña, da Verdura, da Ferrería, do Teucro...


A visita á igrexa da Peregrina é obrigada, co seu orixinal pranta en forma de vieira (relacionada, como é lóxico, coa súa advocación xacobea), así como ao Museo de Pontevedra, un dos mellor dotados e máis interesantes de Galicia.

Santa María, orgullo de 'Mareantes'
Outro monumento destacado de Pontevedra, que impresiona polas súas dimensións e que non é demasiado coñecido para os foráneos, é a Basílica de Santa María a Maior, ergueita grazas ao empeño do outrora poderoso gremio de Mareantes. A súa espectacular fachada –e o templo no seu conxunto, declarado monumento histórico-artístico– constitúe unha das ‘xoias da coroa' da cidade.


Nunha capital especialmente idónea para o paseo, tamén paga a pena deambular pola súa Alameda, aproveitando para botarlle un ollo aos restos do Convento de Santo Domingo.

Lago Castiñeiras
Desde Pontevedra pode facerse unha pequena excursión –duns 12 quilómetros– ata o Lago Castiñeiras. Chégase tomando a estrada cara a Vigo e apartando despois en dirección a Figueirido, lugar de acuartelamento do exército, máis concretamente da Brilat.

Non ten categoría de Parque Natural (é, máis ben, unha área de recreo), pero é un espazo con indiscutibles encantos, tanto desde o punto de vista ambiental como, sobre todo, paísaxístico.

No seu interior pódese gozar de miradoiros desde os que é posible albiscar ata tres das Rías Baixas (Pontevedra, Vigo e Arousa), sendo de particular interese a opción de subir a unha torre de vixilancia contra incendios (se está aberta e se conta con permiso), que ofrece unhas vistas realmente espectaculares.

A visita a este lugar resulta moi recomendable para as familias, xa que os máis pequenos poden gozar cos patos do lago (artificial, creado nos anos 50), dabondo familiarizados cos turistas, así como con algún exemplar de gamo ou cervo en semi-liberdade.

Desde Cotorredondo pódese baixar a Marín ou volver a Pontevedra, para realizar un percorrido pola marxe dereita da súa ría, pasando primeiro polo impresionante convento de San Xoán de Poio e máis adiante polo núcleo de Combarro, que destaca polo seu conxunto de hórreos á beira do mar.

Máis adiante, pasado Raxó, atópase a moi turística praia de Areas, xa no concello de Sanxenxo, que resulta interesante visitar en calquera momento, pero especialmente fóra da tempada alta, xa que no verán adoita estar moi concorrida.


Nesta praia de Areas captáronse imaxes tan espectaculares como a do solpor que se mostra a continuación, como suxestivo peche da ruta.


Recomendacións

Para comer:

•    En Pontevedra: Casa Digna. Aproximadamente 20 euros por persoa. Aconsellable reservar con antelación, especialmente en fin de semana e festivos. Comida caseira de calidade e ambiente familiar. Destaca polos seus peixes, sendo moi recomendable a súa parrillada para dúas persoas (30 euros). Dirección: Praza Gremio de Mareantes, 14 (peirao das Corbaceiras), 36001 Pontevedra. Teléfono: 986 85 12 99.

•    En Poio: Casa Solla. Máis de 30 euros por persoa. Unha das referencias históricas da cociña galega, desde hai uns anos rexentado por José González Solla (Solla jr.), está integrado no ‘Grupo Nove', de cociñeiros galegos innovadores. Partindo do produto e a tradición locais, a súa cociña incorpora novas técnicas, texturas e formatos, sendo o resultado moi recomendable, tanto en peixes como en carnes (destas destaca, por exemplo, o seu exquisito e sorprendente lacón).

Para comprar:

•    Xocoa. Orixinal tenda-delicatessen centrada no chocolate. Produtos a base de cacao de todas as formas e tamaños imaxinables, ademais de roupa (o único que non está feito de chocolate). Pontevedra incorpórase con este espazo ao exclusivo grupo Xocoa, con tendas en Barcelona, Madrid, Valencia e Alacante. Iso si, o que se expón no establecemento é saboroso, pero non barato. Dirección: Rúa de don Gonzalo, 6; 36002 Pontevedra. Teléfono: 986 86 22 08.

Comentarios