Pontevedra, unha provincia con potencial en turismo enolóxico

Un xornalista italiano especializado en enoloxía, Antonello de Cesare, valorou este xoves positivamente as potencialidades da provincia de Pontevedra para o turismo relacionado co viño. Invitado por Turismo Rías Baixas, Antonello visitou pequenas e grandes adegas da zona do Salnés e do Sur da provincia durante catro días. Así, destacou o “gran potencial” da zona para o desenvolvemento do turismo enolóxico, destacando a diversidade de elementos como o patrimonio, a paisaxe e os caldos.

Neste sentido, o xornalista italiano asegurou que esta iniciativa sería viable cunha apropiada campaña de mercadotecnia e unha xusta relación prezo-calidade. Así mesmo, considera importante o “relevo xeracional” que existe entre os adegueiros galegos e a “territorialidade”.

De Cesare encomiou o aroma e a persistencia do albariño, e asegurou que garda similitudes con algúns caldos italianos. O xornalista recoñeceu a dificultade que ten o viño galego para entrar en mercados como o italiano ou o francés, aínda que asegurou que nalgunhas zonas de Italia é posible degustar un albariño de Rías Baixas.

Nunha comparecencia celebrada en Vigo, De Cesare estivo acompañado polo presidente do Padroado de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, que agradeceu a presenza do especialista italiano e asegurou que “imos seguir potenciando” as iniciativas de promoción dos caldos da provincia.

Comentarios