Prestixiosos cociñeiros renovan en Madrid os clásicos do mar

Un DVD cos consellos de recoñecidos cociñeiros galegos e un libro no que paso a paso aprendemos a elaborar deliciosas receitas de rape, galo e pescada, completan a campaña de promoción da Asociación de Armadores de Buques de Pesca do Gran Sol.

Recoñecidos cociñeiros a nivel nacional están a axudar a redescubrir os peixes clásicos da cociña: o rape, o galo e a pescada, a través de atractivas receitas da denominada nova cociña que estes días pon en práctica nove afortunados no curso de cociña express que o mércores 11 e xoves 12 levará a cabo na Escola Alambique.

Este curso inclúe, entre outras actividades, a visita ao mercado, para escoller os mellores produtos aprendendo analizar as calidades, e, por suposto, a elaboración dun prato e a súa presentación. O xoves, tras a finalización do curso, haberá un acto no que os responsables da campaña, diversas autoridades e medios de comunicación, degustarán os pratos elaborados.

Madrid é a primeira cita desta campaña que a Asociación de Armadores de Buques de Pesca do Gran Sol (Anasol) está a levar por toda a xeografía española coa colaboración do FROM e o Fondo Europeo de Pesca. A campaña chega tamén a Vigo, Barcelona e Santander.

A campaña de promoción destes peixes complétase cun DVD e un libro onde nove prestixiosos cociñeiros galegos presentan as súas receitas para pór unha nova cara a uns produtos sans, económicos e saborosos. Antonio Botana, Beatriz Sotelo, Jano Branco, Javier González ou Javier Torquati, entre outros, son os profesionais que participan na campaña coas súas propostas.

Comentarios