Polbo e melindres en Melide

Melindres

Os melindres protagonizaron unha festa gastronómica en Melide o pasado fin de semana. Para este, que se escribe con Letras Galegas, está a chamada á celebración do polbo no Camiño de Santiago.Quen realice algunhas etapas desa viaxe a Compostela sabe que en entre os camiñantes ou os ciclistas que van a esta secular cita a referencia ao polbo en Melide é unha constante. Circula na fala da xente a cita para atoparse na pulpería en Melide.

Acaba de aparecer en Francia ‘Immortelle Randonnée. Compostelle malgré moi', de Jean-Chistophe Rufin, que foi premio Goncourt, (262 páxinas, 19,50 euros). Sirva esta referencia bibliográfica como mostra da permanente actualidade da inmortal camiñada a Santiago e da atención que sempre tivo en Francia a ruta xacobea.

Melide era o pasado domingo unha festa de música de gaitas por todas as súas rúas e prazas e unha celebración de doces de Galicia e dalgunhas outras zonas de España. O clima axudou a esa xornada festiva. Houbo gran afluencia de visitantes. O melindre é unha elaboración artesanal que se identifica con melide. Hai máis localidades en Galicia co melindre como especialidade, como Silleda ou Allariz. En Melide conta con tradición e unha presentación propia, como unha gran montaña desas pequenas rosquillas pegadas entre si polo azucre. O melindre é na tradición unha sobremesa festiva, un exceso para a feira ou para a romaría. O romeu volve a casa con melindres ou rosquillas, igual que o labrador que regresaba da feira con ese agasallo para os seus logo dunha boa ou mediana operación económica. O melindre é agasallo que se repartía entre veciños e familiares logo dunha voda nunha casa.

A min bástame cun par de melindres para darme por satisfeito. Fáiseme excesivo o doce. ¿Frescos ou lixeiramente «maduros»? Pois case opto polo melindre que tenda a crujir lixeiramente ao introducilo na boca. Prefiro un melindre que haxa que morder a un que se disolva ao introducilo no boca. Falo das miñas preferencias que non teñen valor algún de canónicas.

Paréceme un acerto manter e potenciar estas tradicións. Como probablemente sería desexable que a man sabia dun pasteleiro avanzase en presentacións e ofertas máis evolucionadas en base a l a tradición. Con isto quero dicir unicamente que poden buscarse opcións que respondan aos actuais gustos e tendencias en materia dietética.

A cita deste fin de semana co polbo baixo o paraugas do Camiño debería consolidarse. Será sen dúbida tamén un éxito de público, como a xornada do melindre. Ha de verse como un acerto a vinculación do polbo e o Camiño. é unha realidade e unha celebración para o peregrino o polbo en Melide. Non hai que construír fantasías sobre a gastronomía no Camiño. Sentémonos en Ezequiel, nunhas mesas longas como de vella taberna de feira, escoitemos as conversacións en como rico xardín de linguas dos peregrinos e observemos como desde as máis diversas diferenzas gastronómicas ese prato de polbo ao xeito tradicional galega, á feira, convértese en obrigado rito para quen camiña a Compostela. Hai máis lugares en Melide para comer o polbo. Ezequiel fixo a marca . Nas inmediacións está o Alongos, con excelente elaboración do polbo, e algún outro máis.

Comentarios