Queixeiros da Chaira estréase nunha feira alimentaria no estranxeiro

A sociedade Queixeiros da Chaira SL, que aglutina ás once empresas adscritas á denominación de orixe San Simón da Costa e que foi creada para unir esforzos á hora de exportar o queixo vilalbés, participará entre os días 19 e 23 deste mes no Salón Internacional da Agricultura Sial de París, sendo a primeira vez que acode a unha feira fóra de España para dar a coñecer a súa marca comercial, Magus, de face ao exterior.

A traxectoria da nova empresa é curta, pero intensa, xa que con apenas un ano de vida -creouse a principios de 2014- xa participou noutras feiras de alimentación de recoñecido prestixio, como son o Salón Gourmet en Madrid e Alimentaria en Barcelona..

Aínda así, os integrantes de Queixeiros da Chaira decidiron dar un paso máis e que a súa terceira asistencia a unha cita deste tipo sexa ao salón Sial de París, a feira bienal máis importante do sector agroalimentario a nivel europeo. Con máis de 50 anos de historia, esta convocatoria reúne a máis de 6.300 expositores procedentes de 105 países e recibe a uns 150.000 habitantes.

A idea de participar nesta cita internacional non é outra que «facer cousas que redunden en beneficio da empresa», explicou Javier Piñeiro, presidente de Queixeiros da Chaira e, tamén, da asociación de queixeiros, xa que o obxectivo da mesma non é outro que axuntar esforzos para promover as vendas no exterior do queixo de San Simón, cuxa exportación supón actualmente en torno ao 10% da produción total.

A firma chairega acode a esta cita como coexpositora dentro da caseta de Galicia e contará como portavoz coa xerente da mesma, María Enríquez, xa que, en principio, ningún dos representantes das queixerías da DOP San Simón da Costa pode acudir.

A pesar de todo, confían en que participar neste salón internacional en París sexa moi positivo á hora de dar a coñecer a marca Magus, baixo a que se comercializa o queixo de San Simón nas súas dúas modalidades -o de tamaño normal e o máis pequeno, coñecido como bufón-.

«Sial supón unha moi boa oportunidade de negocio, xa que asistimos cunha axenda pechada previamente con entrevistas con compradores, distribuidores e institucións», comentou María Enríquez.

Comentarios